O elevado número de altas rexistradas nas últimas 24 horas, xunto a unha moderación dos contaxios (16 en total), provocou que os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés descendesen ata os 458. Son 27 menos que onte.
Iso si, as hospitalizacións volven crecer. E fano de maneira notable. Catro novos pacientes atópanse ingresados con coronavirus nos tres hospitais da área. Hai un total de 27 persoas hospitalizadas. Son catro máis que este luns.
A maior parte dos hospitalizados (15) están en sendo atendidos en Montecelo. Sete máis están no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Pola súa banda, hai cinco pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.
O resto dos que contraeron o virus, outras 431 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 12.866 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 43 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 171 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 207.262, 1.055 nas últimas horas. Delas, 12 deron positivo (1,13%). A estas probas súmanse as 106.103 seroloxías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.022, sete máis que o día anterior. Deles 741 son da área da Coruña, 204 da de Lugo, 264 da de Ourense, 458 da de Pontevedra, 894 da área de Vigo, 347 da de Santiago e 114 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 174 en unidades de hospitalización e 2.802 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 116.129 persoas curadas, rexistrándose 2.384 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.023.710 probas PCR, 7.478 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 101 novos infectados.