Cae un home que estafou a vendedores de cupóns en Marín e Sanxenxo

Marín
06 de febreiro 2018

Once estafas imputa a Policía Nacional a un home de 60 anos, veciño de Ourense, que foi detido por estafar a persoas de "gran vulnerabilidade" e con problemas de mobilidade. Entre as súas vítimas, figuran vendedores de cupóns de Marín, Sanxenxo e Vigo

Comisaría da Policía Nacional en Marín
Comisaría da Policía Nacional en Marín / Daniel Santomé

Once estafas imputa a Policía Nacional a un home de 60 anos, veciño de Ourense, que foi detido por estafar a persoas de "gran vulnerabilidade" e con problemas de mobilidade. Entre as súas vítimas, figuran vendedores de cupóns de Marín, Sanxenxo e Vigo.

Todos os estafados, na súa maioría de idade avanzada, destacaron as habilidades e artimañas do detido coas que logrou gañarse a súa confianza e convencerlles para que lle entregasen diversas cantidades de diñeiro.

A primeira denuncia contra este individuo, ao que lle constan antecedentes por feitos similares en diferentes cidades da xeografía española, presentouse o 20 de setembro en Marín.

Un vendedor de cupóns explicou que se lle achegou un home que lle solicitou cambiar diñeiro. Díxolle que traballaba nunha tenda próxima e que necesitaba cambiar dous billetes de 500 euros que tiña no establecemento. O estafado accedeu a darlle 1.000 euros en billetes pequenos e cando acudiu á tenda a buscar os cartos descubriu que este non traballaba alí.

Unha segunda estafa cometeuse días despois utilizando o mesmo método. Achegouse a outro vendedor e solicitoulle cambio. Neste caso o vendedor fíxolle entrega de 500 euros fraccionados en billetes e moedas de distintas cantidades.

Por mor das investigacións, os axentes comprobaron que en Vigo presentouse unha denuncia moi parecida e, xa en outubro, reproduciuse unha estafa similar en Sanxenxo.

Neste caso, o detido detívose co seu coche ante unha parada de autobús e dirixiuse á vítima para convidalo a subir e trasladalo ao seu domicilio.

Durante o traxecto, o condutor explicoulle que necesitaba un cambio de diñeiro urxentemente. Tras gañarse a súa confianza, a vítima fíxolle entrega de 950 euros en billetes de diferente valor que tiña no seu domicilio.

Segundo a Policía, a clave do seu éxito estaba na súa facilidade de palabra e a súa capacidade para gañarse a confianza das vítimas con habilidades e artimañas.

As súas vítimas eran sempre persoas de idade avanzada ás que abordaba en paradas de autobús coa escusa de levalas amablemente ao seu domicilio, vítimas vulnerables ampliando neste caso o ámbito de actuación a traballadores que presentan distintas discapacidades físicas, entre elas a visual.

O detido gañábase a confianza das vítimas facéndolles crer que tiña gran poder adquisitivo e afirmando ser propietario de locais de hostalería, gasolineiras ou empresas. Dicía necesitar cambio en efectivo, xa que as entidades bancarias non llo daban se non o solicitaba con antelación.