Cadea humana polas rúas de Seixo para defender o Centro de Saúde "dos recortes da Xunta"

Marín
18 de outubro 2021

A Plataforma mobilízase na fin de semana na que se cumpren "3 meses cun só facultativo para 2.200 persoas " e anuncian que seguirán exercendo presión "a pesar do pasotismo do goberno municipal" e que participarán da manifestación do 14 de novembro en Santiago

Cadea humana polas rúas de Seixo para defender o Centro de Saúde
Cadea humana polas rúas de Seixo para defender o Centro de Saúde / Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

Centos de persoas uníronse este domingo nunha cadea humana polas rúas de Seixo convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo.

Esta protesta realizouse nesta fin de semana ao se cumpriren "3 meses desde que a Xunta non cobre a xubilación do segundo facultativo e deixou un médico para 2.200 persoas" e ademais de reivindicar un segundo médico para Seixo, reclamou que se cubra a enfermeira que remata contrato o 1 de novembro e novos servizos "aos que temos dereito por poboación e que, centralizados en Marín, non están funcionando ben, como pediatría".

A cadea humana, conformada por 800 persoas, iniciouse pasadas as doce e media da mañá dende o Centro de Saúde, de onde saíron dúas columnas, unha pola rúa Camiño Vello e outra pola rúa Grupo Escolar para acabar unidas diante da Praza de Abastos. A veciñanza uniu simbolicamente as súas mans compartindo pancartas contra os recortes e privatizacións da sanidade.

A Plataforma sinala que esta cadea humana fíxose "para defender coas nosas propias mans o centro de saúde" e ao mesmo tempo "unir o consultorio, a escola infantil, o colexio público de Seixo e o centro económico e social desta parroquia, porque queremos denunciar que sen servizos o rural perderá calidade de vida e poboación, o que terá un impacto negativo tamén na actividade económica. Todo está conectado e a perda de servizos como o peche da única sucursal bancaria desta zona discrimínanos" – en referencia á sucursal de ABanca pechada o 21 de xullo – "e os recortes no Centro de Saúde impiden que teñamos unha atención sanitaria digna nas parroquias do rural".

A Plataforma lamenta "unha vez máis" que o goberno municipal "estea ausente ante un problema tan grave". Así, sinalan que "é incomprensible que a alcaldesa siga a mirar para outro lado co empeoramento da situación sanitaria do concello en vez de exercer presión do lado da veciñanza ante a Xunta, como si fan alcaldes e alcaldesas noutros lugares". 

Lembran que "en Seixo temos demoras de 20 días para unha consulta médica, a pesar dos esforzos do persoal do consultorio, e o 1 de novembro quedaremos sen unha enfermeira. Temos casos de varios meses de agarda para ter informada unha radiografía, demora de citas de pediatría porque non se cobren os profesionais e é insuficiente que haxa un só equipo no PAC de Marín porque moitas veces ten que atender urxencias domiciliarias".

Nese sentido, sinalan que “a pesar do pasotismo do goberno municipal, seguiremos facendo presión para que cesen os recortes e cubran todo o persoal que necesitamos” e anuncian que participarán da manifestación do 14 de novembro en Santiago "co resto de plataformas veciñais dos concellos que sofren recortes na atención primaria. Nin nos van calar, nin nos van parar e hoxe demostrámolo de novo".