Ao redor de 300 persoas acudiron á chamada da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para participar na cadea humana organizada para denunciar o trato favorable que as administracións da Xunta de Galicia e o Goberno central dan á fábrica de Elnosa para permanecer en Lourizán.
Por este motivo, os participantes nesta protesta con pancartas realizaron unha ringleira que se estendeu desde a delegación de Costas nas proximidades da praza da Liberdade ata a delegación da Xunta en Campolongo.
Nesta iniciativa participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por outros integrantes do goberno local de Pontevedra como Carme da Silva, Anabel Gulías, Pilar Comesaña e Raimundo González.
Antón Masa sinalaba ao comezo deste acto que Elnosa non pode seguir en Lourizán se se atende á legalidade, á racionalidade e aos desexos da maioría da poboación pontevedresa.
Lembrou que este luns 11 a electroquímica terá que deixar de elaborar cloro utilizando mercurio, tal e como dispón a Unión Europea e sinalou que o 29 de xullo de 2018, cando finalice a concesión en terreos de dominio público, debería abandonar esta localización na ría de Pontevedra.
Masa volveu lamentar as palabras do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalando que se lle concederá a autorización ambiental integrada a Elnosa por parte da Xunta indicando que demostran a prepotencia e o talante "antidemocrático" do goberno galego.
O presidente da APDR tamén lembrou ao ministerio de Medio Ambiente que non se lle pode dar a prórroga a Elnosa e sinalou que no proceso de desmantelamento da maquinaria actual existen numerosos perigos de contaminación de mercurio para a ría.