"Cada vez pregúntannos máis como teñen que facer para retornar a Ucraína"

Pontevedra
13 de xuño 2022

A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos impulsada pola Xunta chega a Pontevedra. Unha intérprete e unha traballadora social ofrecen información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral

Unidade móbil de información para refuxiados ucraínos
Unidade móbil de información para refuxiados ucraínos / Diana Eiras

"Cada vez pregúntannos máis como teñen que facer para retornar a Ucraína", apunta Marta Lamas, traballadora social de Cruz Vermella que xunto a intérprete Anastasia Levchenko, ucraína con residencia en Galicia desde hai unha década e voluntaria de Cruz Vermella, están á fronte da oficina móbil de información para refuxiados.

Desde este luns atópase en Pontevedra esta a unidade móbil. Trátase dunha furgoneta que xa percorreu outras cidades galegas e localidades cunha maior poboación de refuxiados procedentes de Ucraína, para ofrecer información, asesoramento e axuda á poboación ucraína afincada na cidade e nos municipios da comarca.

O Goberno galego, coa colaboración de Cruz Vermella, puxo en marcha esta iniciativa para atender ás persoas que chegaron á nosa comunidade fuxindo da guerra de Ucraína.

Estas persoas refuxiadas resolven aquí todas as súas dúbidas sobre o sistema de protección temporal, sobre que poden facer se necesitan aloxamento, manutención ou axudas económicas, se teñen dereito a residencia e permiso de traballo ou como acceder ao sistema sanitario, ou que fan se xa se atopaban en Galicia antes do conflito.

"Preguntan tamén moito sobre clases de español, procura de emprego, prestacións sociais", explica Marta Lamas. O perfil maioritario das persoas que acoden a este punto de información "son mulleres de mediana idade e con nivel de estudos superiores e tamén en moitos casos vén cos seus fillos ou con nenos pequenos e adolescentes".

O idioma é un dos principais obstáculos para a integración, e unha barreira para atopar un traballo, pero a escolarización dos menores empezou a achandar ese camiño.

Anastasia  Levchenko comenta que cando os refuxiados poden falar con ela no seu propio idioma "se tranquilizan porque les explico con más detalles y también les hago entender algunos aspectos culturales que son bastante distintos" en Galicia respecto a Ucraína. Por exemplo, l clima es distinto, y la lluvia les choca y al principio les costaba".

Desde o inicio da crise humanitaria provocada pola invasión rusa de Ucraína regularizado a súa situación nesta comunidade 2.323 desprazados, segundo os últimos datos da Delegación do Goberno ofrecidos este luns polo director  xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado. 

A regularización da acollida a través dos permisos de protección temporal inclúe a atención educativa e son xa 702 nenos e nenas ucraínos escolarizados en 258 colexios e institutos de Galicia. No caso de Pontevedra, son 203 os nenos e adolescentes que xa ocupan un pupitre nalgún dos 82 centros da provincia con desprazados escolarizados. A maioría, en escolas de Infantil e Primaria.

En canto á atención sanitaria, apuntou Parrado, "están xa tramitadas 2.004 tarxetas sanitarias e son 480 os recoñecementos realizados polo Sergas no centro que teñen en Santiago para aquelas persoas que necesitan unha atención máis individualizada ou vacinación".

O director  xeral de Inclusión Social visitou este luns a oficina móbil de información acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e pola presidenta de Cruz  Vermella Galicia, Carmen Colmeiro.

O servizo permanece emprazado de 9.00 a 14.00 horas fronte ao Edificio Administrativo da Xunta, na rúa Espincelo.

 

Arquivado en