Cada veciño de Poio xera unha media diaria de 1,32 quilos de residuos

Poio
17 de xuño 2016

Balance xeral do primeiro ano de traballo de Valoriza como concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo

Novos colectores de lixo
Novos colectores de lixo / PontevedraViva

A empresa Valoriza vén de facer un balance xeral do primeiro ano de traballo como concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo do Concello de Poio no que salientan que este municipio, no seu conxunto, xerou no último ano un total de 7.292.520 quilos de lixo (residuos sólidos urbanos), cifra que equivale a unha media diaria de 22.343 quilos de lixo.

Ademais, recolléronse 386.010 quilos de vidro, 193.040 quilos de envases plásticos e 171.990 quilos de papel e cartón nos seus respectivos colectores.

Estas cifras corresponden ao período transcorrido entre o 1 de xuño de 2015 e o 30 de maio de 2016, primeiro ano de traballo que acaba de cumprir a nova empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo de Poio, pertencente ao Grupo Sacyr.

Cada veciño de Poio produciu, por tanto, unha media diaria aproximada de 1,20 quilos de lixo, cantidade que se incrementou ata 1,32 quilos en total, ao sumarse os residuos procedentes da recollida selectiva.

RECOLLIDA DE ALGAS

Por outra banda, Valoriza acaba de iniciar a súa segunda campaña de recollida de algas nas praias do municipio, que se prolongará ata outubro. Ao longo do pasado verán, na primeira tempada da devandita actividade, retiráronse un total de 875.000 quilos de argazo.

O servizo de limpeza e recollida de lixo de Valoriza en Poio dispón para realizar o seu traballo dun persoal integrado por dezaseis persoas.

Entre os medios mecánicos incorporados durante este último ano para mellorar o servizo diario destacan dous camións recolectores de carga lateral de 26 e 15 metros cúbicos de capacidade, e outros dous camións recolectores de carga traseira de 18 e 6 metros cúbicos. A estes vehículos súmanse un camión con guindastre e plataforma elevadora, catro furgonetas e unha varredora.

RECOGIDA VOLUMINOSOS

A empresa desenvolve un servizo de recollida de voluminosos (principalmente electrodomésticos, mobles, colchóns e trastes) todos os xoves á primeira hora da mañá. Para esta recollida especial, que ten carácter gratuíto, resulta imprescindible unha chamada previa ao teléfono de atención veciñal: 638 881 267.

Valoriza atende no devandito número calquera consulta, suxestión ou queixa sobre ou servizo de limpeza e recollida de lixo de Poio. Tamén pode establecerse contacto coa empresa a través da web lineaverdepoio.com.