Cada día nun servizo e con material obsoleto, a triste realidade dos celadores de Pontevedra

Pontevedra
05 de novembro 2022

O pontevedrés Gustavo Olmedo, celador desde 2006 e portavoz do colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, expón, a preguntas de PontevedraViva, cal é a situación destes profesionais neste 5 de novembro, Día do Celador e a Celadora

Gustavo Olmedo, portavoz do colectivo de celadores da área sanitaria Pontevedra-Salnés, diante do centro de saúde Virxe Peregrina
Gustavo Olmedo, portavoz do colectivo de celadores da área sanitaria Pontevedra-Salnés, diante do centro de saúde Virxe Peregrina / Mónica Patxot

No Día do Celador e da Celadora, que se celebra este sábado 5 de novembro, o colectivo de profesionais que traballan na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés lamenta que neste 2022 sigan sen ter resposta a reclamacións que arrastran dende hai décadas.

Os celadores son os encargados do traslado e mobilización de usuarios e pacientes, documentación e materiais en centros sanitarios, e han de estar presentes en calquera proceso asistencial. Por iso non se entende que a Sanidade Pública siga sen recoñecer a estes profesionais como "persoal sanitario".

O pontevedrés Gustavo Olmedo Portela, celador desde 2006 e portavoz do colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, expón, a preguntas de PontevedraViva, cal é a situación destes profesionais.

– Cales son as reivindicacións do colectivo de celadores da área sanitaria Pontevedra-Salnés neste 5 de novembro?

Nós temos reivindicacións que xa son moi vellas e que xa coñecía o anterior xerente, e agora estamos pendentes dunha primeira reunión co novo xerente, José Flores, que estaba prevista para o 5 de outubro e aprazouse.

Unha destas reclamacións antigas é renovar o parque de padiolas e de cadeiras de rodas da área de Urxencias de Montecelo porque están nalgúns casos, e non esaxero, inservibles, e non dignifica para nada a nosa profesión nin tampouco ao paciente. Son materiais que levan moitos anos en uso, que están moi baqueteados porque é un servizo, o de Urxencias, que ten moito uso ao longo do día. Moitos compañeiros tivemos lumbalxias porque estamos a traballar todos os días, non é algo puntual, cunhas padiolas e unhas cadeiras que están moi vellas, obsoletas, e é un sobreesforzo diario.

Outra reclamación importante é unha contratación digna, que non teñamos un contrato cada día distinto e nun servizo distinto.

– No día a día, que consecuencias conleva esta inestabilidade laboral?

A contratación precaria incide dunha maneira moi negativa na calidade asistencial, tanto cara ao paciente como cara a nós mesmos. Para contrarrestar isto, entendemos que a contatación ten que ser de máis días nun mesmo servizo.

– A esta problemática súmase o feito de que a categoría profesional de celador non sexa considerada como persoal sanitario.

É unha problemática en toda España. Queremos que se execute o Decreto Lei de 2011 para que sexamos categoría sanitaria, coa correspondente titulación e formación, que sería un ciclo medio de FP. Neste sentido, nós xa somos categoría sanitaria por un decreto foral de 2016 na Comunidade de Navarra, aprobouse unha proposición non de lei no Parlamento das Illas Baleares, no de Asturias e nas Cortes de Castela e León, e hai agora distintas reunións nas Cortes de Castela-A Mancha.

– En que punto estamos en Galicia para o recoñecemento dos celadores dentro da categoría sanitaria?

En Galicia estamos pendentes de que a proposición non de lei se someta a votación da Quinta Comisión de Sanidade, que preside a señora Corina Porro, e se poida aprobar. Unha vez aprobada, o que se persegue é que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia, e a Xunta ao Goberno central, para que no novo mapa de profesións se inclúa aos celadores como categoría sanitaria, a través dun organismo de carácter estatal, o INCUAL (Instituto Nacional das Cualificacións).

Neste sentido, nós tivemos unha reunión coa Quinta Comisión de Sanidade no mes de xuño e para este luns 7 de novembro confirmáronnos que ás 11:30 estamos citados para unha nova reunión coa presidenta da Comisión de Sanidade en sede parlamentaria en Santiago.

– Á espera dese recoñecemento como sanitarios, en que categoría se encadran a día de hoxe os celadores?

Nós somos persoal non sanitario, esa é a definición que temos a día de hoxe. Nun hospital está o persoal facultativo, o persoal sanitario non facultativo e o persoal non sanitario. Pero os celadores facemos funcións de todo tipo, nós estamos en Urxencias, en planta, en Atención Primaria, en Autopsias, en Consultas Externas, en UCI, en curta estancia, en quirófanos... Servizos que en moitos casos requiren unha alta especialización.

Todas as nosas funcións están reguladas a través dunha Orde Ministerial do 5 de xuño de 1971, claramente pre-constitucional. Na práctica, as nosas funcións achéganse cada vez máis a unha categoría sanitaria pero sen selo. Isto quedou demostrado na pandemia, durante a primeira onda, na que tivemos un contacto moi directo cos pacientes Covid e con outro tipo de illados.

– Ao principio falabas de contratos dun día nos que vos ían cambiando de servizo, poderías poñer un exemplo?

Pode ocorrer que nos dean un contrato no PAC da Parda, por exemplo, dunha garda. Termínase esa garda, remata ese contrato, e ao día seguinte ou aos dous días dannos outro contrato noutro servizo como pode ser Medicina Interna no Hospital Provincial ou Urxencias en Montecelo, por citar algúns. Noutras áreas sanitarias tamén ocorre pero non tan acusado como na área sanitaria de Pontevedra-Salnés.

– No caso das Urxencias de Montecelo que mencionas, ultimamente está a ser noticia o colapso de afluencia de pacientes ante a supresión de persoal de atención en moitos PACs. Está a ser un servizo especialmente demandante para os celadores?

O colapso que se produce en Urxencias de Montecelo non só afecta ao persoal facultativo e ao persoal sanitario. Tamén afecta os celadores. Nós somos os primeiros en recibir ao paciente cando entra pola porta de Urxencias. E despois hai que desprazalos a outros servizos, como facer placas, un TAC ou trasladalos á planta no caso de que sexa un ingreso... Entón cando o servizo se colapsa, sobre todo nestas épocas de outono e inverno debido a que en Galicia hai unha poboación moi envellecida, nós tamén acusamos ese estrés que se produce con frecuencia.