Cacerolada nas fiestras convocada pola CIG para esixir medidas de protección social xustas

Pontevedra
03 de abril 2020

O sindicato utiliza a consigna #QueEscoiten e chama a cidadanía a que ás 12.00 horas do venres 10 de abril realice unha protesta para que o goberno obrigue á banca, ás compañías de telecomunicacións, grandes eléctricas e empresas potentes a exonerar as familias do pagamento das hipotecas, dos alugueres e dos recibos

Marcos Conde, secretario comarcal de CIG
Marcos Conde, secretario comarcal de CIG / Mónica Patxot
Convocatoria de protesta para o 10 de abril /

É tempo de confinamento pero non de abandono de protestas. O sindicato nacionalista CIG convocou unha mobilización social para as 12.00 horas do venres 10 de abril na que pide á cidadanía que realice unha cacerolada desde xanelas e balcóns. 

Con esta protesta, segundo Marcos Conde, secretario comarcal de CIG en Pontevedra, quérese trasladar ao Goberno de Pedro Sánchez o malestar que existe ante a xestión caótica e insuficiente durante esta crise sanitaria, social e económica que atravesa Galicia con motivo da expansión do COVID-19. 

Desde a  cenral nacionalista reclaman medidas de protección social sen que se discrimine aos colectivos, con garantías de que as familias van contar con ingresos suficientes e que as prestacións se cobrarán en tempo. Ademais, tamén reclaman que se reforcen as medidas de prevención para garantir a saúde do persoal daqueles sectores que continúan traballando.

Consígnalas previstas para esta protesta serán #QueEscoiten, #QueNonConfinenOsTeusDereitos e #10 deAbril e a iniciativa busca que se utilicen as redes sociais tanto en días previos como na xornada de protesta para subir fotos, vídeos ou textos que recollan as demandas sociais que motivan esta convocatoria.

A CIG critica a actuación "improvisada" do Goberno central ao sacar propostas que quedan obsoletas nunhas horas ou que se enmendan polo seguinte Real Decreto-Lei. En todo caso, sinalan que as medidas están a resultar insuficientes para garantir a protección da saúde, a paralización das actividades non esenciais e a cobertura social para a clase traballadora.

Desde este sindicato demándase ao Goberno que obrigue á banca, ás compañías de telecomunicacións, ás grandes eléctricas e a outras grandes empresas a exonerar as familias do pago das hipotecas, alugueres e dos recibos.