Cabreo no PSOE local polo proxecto de parque en Valdecorvos

Pontevedra
06 de decembro 2023

O grupo municipal do Partido Socialista de Pontevedra esíxelle ao goberno local do BNG que execute o plan previsto no anterior mandato polo concelleiro Iván Puentes na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos  

Iván Puentes e Marcos Rey en Valdecorvos
Iván Puentes e Marcos Rey en Valdecorvos / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do Partido Socialista de Pontevedra esíxelle ao goberno local do BNG que execute o plan previsto no anterior mandato polo concelleiro Iván Puentes na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos.

Naquel proxecto contemplábase a construción dun novo parque infantil na zona verde central, a creación dun parque canino no espazo que agora mesmo ocupa unha pequena área de xogos e a dotación dunha pista multideporte na parcela norte, cara á explanada empregada como estacionamento. 

Aquela actuación estaba valorada no seu conxunto en 175.236 euros.

Iván Puentes lamenta agora que o goberno local non vai facer a pista multideporte e ademáis "queren executar un parque canino moito máis pequeno e precisamente nesa parcela que debía ocupar a pista", segundo foi informado na última Comisión de Mobilidade. 

O voceiro do PSOE expresou o seu "absoluto abraio" e lamentou "a estratexia de descrédito e arrase das iniciativas impulsadas polo PSOE na que o BNG se atopa inmerso".

Este "novo capítulo de ataque ás propostas e proxectos socialistas" para Iván Puentes "evidencia unha nula intención de chegar a acordos co 'socio prioritario' e a aposta por unha estratexia belixerante en plena negociación dos orzamentos municipais". 

"É toda unha declaración de intencións", asegura o socialista.