Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar imos elaborar unha receita ideal para servir como entrante ou para unha cea lixeira. Para este prato, aproveitaremos todos os beneficios do atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.
O atún claro destaca pola súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A súa prezada carne é firme e rosada e de sabor máis suave que outros peixes da súa mesma familia.
Para preparar unha saborosa Cabaciña á grella con crema de atún claro Pescamar usaremos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de atún claro en aceite de xirasol Pescamar
- 2 cabaciñas medianas
- 200 g de queixo crema
- 100 g de maionesa
- 10 olivas recheas de anchoa
- 2 culleradas de pebidas de cabaza peladas
- 1 limón
- pemento doce ou picante
- aceite de oliva virxe extra
- follas de pirixel
- sal
Preparación:
Mesturamos o contido da lata de atún claro en aceite de xirasol Pescamar, previamente escorrido, co queixo e a maionesa coa batedora ata obter unha crema espesa.
A continuación, cortamos as olivas en anacos moi pequenos e engadímolos á mestura anterior ata que formen unha pasta consistente.
Incorporamos un chorriño de zume de limón para gañar en cremosidade e un chisco de pemento doce ou picante. Mesturamos e reservamos.
Lavamos as cabaciñas, quitámoslles as puntas e cortamos en rodas. Poñemos os toros nunha bandexa con papel absorbente e secamos lixeiramente.
Aparte, nun cunco facemos unha mestura de aceite de oliva, un chorriño de zume de limón, as follas de pirixel picadas e un chisco de sal. Cun pincel untamos as rodas de cabaciña con este líquido. Cociñamos lixeiramente nunha prancha tipo grella a lume medio ata que estean douradas. Retirámolas e colocámolas nunha bandexa.
Na mesma grella, en quente, poñemos dúas culleradas de pebidas de cabaza. Unha vez torradas, incorporámolas á crema de atún que tiñamos reservada.
Servimos as rodas de cabaciña nunha bandexa e ao seu carón un bol coa crema de atún.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.