Buscarán o "máximo consenso" para cambiar Fernández Ladreda por María Victoria Moreno

Pontevedra
08 de marzo 2018

A proposta para cambiar o nome á avenida Fernández Ladreda, que o goberno municipal quere cambiar por María Vitoria Moreno, buscará lograr o "máximo consenso" da corporación municipal de Pontevedra

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

A proposta para cambiar o nome á avenida Fernández Ladreda, que o goberno municipal quere cambiar por María Vitoria Moreno, buscará lograr o "máximo consenso" da corporación municipal de Pontevedra.

Alberto Oubiña, o concelleiro do BNG que este xoves presidiu a comisión de Cultura, xustificou desa maneira a decisión do goberno municipal de retirar da orde do día deste encontro a proposta para cambiar o nome da rúa.

Levarase igualmente, adiantou, ao pleno deste mes pero queda por ver se por moción de urxencia ou como acordo de toda a corporación, de varios grupos " ou  só do BNG".

Oubiña reiterou que o BNG "non renuncia" á feminización do rueiro de Pontevedra, especialmente cando o nome dunha muller ilustre poida substituír a un "ministro fascista".

Iso si, rexeitouse a petición do PP para que sexa unha comisión de expertos a que analice os cambios que se queiran facer no rueiro. Non contou co apoio de BNG e PSOE.

Ademais, aprobouse a moción presentada polo PSOE para instar o Goberno central a mellorar o sistema de pensións e rexeitouse a petición do PP para redactar unha nova normativa que regule o uso das instalacións deportivas municipais.

Todo iso tratouse nunha comisión de benestar social, cultura e dinamización sociocultural convocada para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta coincidencia non gustou na oposición, que criticou que o BNG convocase esta sesión o mesmo día da folga feminista que se celebra en toda España.

Marea non acudiu á comisión e Cidadáns, PSdeG-PSOE e PP lamentaron que as concelleiras do BNG ausentáranse pero foran substituídas polos seus compañeiros homes para que a reunión puidese celebrarse.