Buscan tres sospeitosos dun violento asalto a unha parella en Meis

O Salnés
14 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:58

Asaltaron unha parella no exterior da súa casa, metéronos dentro, colocáronlles bridas e golpeáronos brutalmente. Á muller asperxérona con gasolina e ameazárona cunha pistola

Investigación polo asalto violento a unha parella en Meis
Investigación polo asalto violento a unha parella en Meis / EFE - Sxenick

A Garda Civil mantén activo un operativo de procura en toda a comarca do Salnés para dar co paradoiro de tres homes sospeitosos dun violento asalto a unha parella en Meis.

Segundo a información facilitada polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o asalto ocorreu sobre o cinco e media da madrugada deste martes.

Losada considera "francamente preocupantes" estes feitos, dunha "extrema violencia" e que "non teñen precedentes recentes" nin encaixan nos parámetros de delitos similares en roubos en vivendas nos últimos anos na provincia de Pontevedra.

O tres sospeitosos actuaron encapuchados e con luvas e asaltaron un home e unha muller duns 50 anos cando saían da súa casa a camiño do traballo.

A vivenda atópase nunha zona illada, o que facilitou a comisión destes feitos.

Investigación polo asalto violento a unha parella en Meis
Investigación polo asalto violento a unha parella en MeisEFE - Sxenick

Os asaltantes abordáronos xa no exterior da súa vivenda e obrigáronos a introducirse de novo na casa. Xa no interior, colocáronlles bridas e obrigáronos a entregar o diñeiro que tiñan no domicilio.

Tanto o home como a muller foron "brutalmente golpeados" e a ela, ademais, a asperxérona con gasolina e ameazárona cunha pistola que se está investigando si era real ou simulada.

Como resultado das súas accións, os asaltantes conseguiron que lles entregasen unha cantidade de diñeiro en metálico que non transcendeu.

As dúas vítimas están ingresadas nun centro hospitalario para recuperarse das lesións sufridas.

Como subdelegado, Losada mostra a súa "plena confianza" no "traballo intenso" que está a realizar a Garda Civil para tratar de localizar a estes individuos, que todo apunta a que son de nacionalidade española.