Buscan o corpo de Sonia Iglesias nunha leira de San Amaro

Pontevedra
20 de febreiro 2018
Actualizado: 16:19

Axentes da Policía Científica están a investigar nunha vivenda situada a carón da capela de San Amaro. Ao lugar foi conducido Julio Araújo, que fora parella da muller desaparecida en Pontevedra o 18 de agosto de 2010

Buscan o corpo de Sonia Iglesias na leira de Julio Araújo en San Amaro / Mónica Patxot

Axentes da Policía Científica, cun laboratorio móbil chegado desde Madrid, están investigando desde primeira hora da mañá nas inmediacións da capela de San Amaro, tentando localizar vestixios en relación co caso da desaparición de Sonia Iglesias.

A investigación está a levarse a cabo na casa, propiedade da familia Araújo, que se atopa xunto a capela. Julio Araújo, que entón era parella de Sonia Iglesias, atópase na vivenda acompañado polos axentes da Policía Nacional presenciando a busca, pero non se atopa detido.

Tras cinco horas de rexistro, os traballos suspendéronse ata a tarde.

A zona foi acordoada. Utilizouse un xeorradar na leira de 800 metros cadrados na procura dalgún indicio da presenza do corpo e varias patrullas policiais máis foron achegándose ao longo da mañá ata esta vivenda. O comisario da Xefatura Provincial, Manuel Bouzas, tamén acudiu ao lugar, onde ademais se atopan unidades da Policía Local.

Este domicilio xa fora analizado no seu día. Os investigadores centran os seus esforzos en tres puntos. Escavouse parte da leira, onde se están realizando diversas catas. Ademais, examinouse un pozo artesanal de auga e unha fosa séptica.

Tamén están no recinto os bombeiros do Parque de Bombeiros. O equipo de investigación, coa súa colaboración, bombearon tamén un pozo artesá de auga da propiedade e fixo diversas catas co xeorradar. Axentes da Policía Científica sacaron xa da vivenda varias caixas con probas recollidas durante este rexistro. 

O rexistro causou un gran balbordo na zona de San Amaro e foron moi numerosos os veciños que acudiron ata a zona interesados polo amplo despregamento de policías e medios de comunicación, con varias decenas de xornalistas traballando na zona. 

En total, a Policía Nacional despregou unha trintena de axentes entre efectivos de distintas unidades da propia Comisaría de Pontevedra -de seguridade cidadá e da Policía Científica- e outros desprazados desde a Xefatura Superior de Policía de Galicia e da Comisaría Xeral da Policía Científica de Madrid. Ademais, hai varios vehículos de actuacións especiais da Policía Científica e o laboratorio móbil desta unidade, desprazados todos desde Madrid.

Ao longo da mañá tamén se desprazaron ata a zona familiares de Julio Araújo, que seguiron o rexistro desde o exterior da propiedade, e púidose ver como pasaban en coche familiares de Sonia Iglesias, aínda que ningún deles detívose no lugar do rexistro. 

Os veciños confirmaron que na vivenda que se está rexistrando viviron Sonia e Xullo durante os seus primeiros momentos de relación. Pouco despois de ser pais mudáronse e a casa pasou unha longa tempada desocupada. O seguinte morador foi o fillo maior de Araújo, froito dunha anterior relación, pero hai xa tempo que a casa volvía estar deshabitada e, de feito, levaba anos á venda.

A avogada da familia de Sonia Iglesias, co que se puxo en contacto PontevedraViva, sinala que non teñen coñecemento desta nova investigación.

A Subdelegación do Goberno, con todo, confirma que se están realizando investigacións no marco do caso Sonia Iglesias tal e como se viña facendo ata agora.

Sonia Iglesias desapareceu en Pontevedra o 18 de agosto de 2010. A súa pista perdeuse tras acudir a unha  zapatería na rúa Arcebispo Malvar. Desde ese momento arrancou un proceso de busca no que non se atoparon pistas para esclarecer que pasou e onde está a muller.

Entón, Sonia tiña 38 anos. Julio Araújo, a súa parella sentimental e pai do seu fillo, foi a única persoa que acudiu a declarar en calidade de investigado, actual figura do imputado. El foi a última persoa que viu con vida a Sonia. Finalmente, retirouse a súa imputación. En 2015, a investigación foi arquivada.

Arquivado en