A Policía Local de Poio intenta localizar o autor dun grave incidente de tráfico que sucedía o luns 9 de setembro na Avenida de San Xoán de Poio, preto da farmacia.
Sobre as 17:10 horas, produciuse un choque por alcance contra un vehículo estacionado, tras o cal o condutor responsable do impacto fuxiu sen facilitar os seus datos.
Unha familiar do propietario do vehículo danado, ao presenciar o suceso, decidiu seguir o responsable do accidente nunha motocicleta
Cando conseguiu que o condutor detivese o vehículo, este negouse a proporcionar os datos do seguro.
A situación agravouse cando o condutor, facendo caso omiso ás peticións da muller, arrincou bruscamente o vehículo.
A moza, que intentaba obter a información, quedou colgada da xanela e foi arrastrada durante 51 metros.
Como resultado, a moza sufriu lesións polo arrastre e danos no casco que levaba posto.
A Policía Local de Poio está a investigar o suceso e busca activamente o condutor e o vehículo causante deste suceso.
Os axentes contan coa marca, un Peugeot, modelo e cor do vehículo fugado (azul), así como cunha imaxe do condutor captada por unha cámara da zona.
A policía fai un chamamento á colaboración cidadá, solicitando que calquera persoa que poida ter sido testemuña do incidente ou que teña información relevante se poña en contacto coas autoridades.
Aseguran que, coas probas dispoñibles, é probable que o condutor sexa localizado en breve prazo de tempo.
Os feitos serán postos en coñecemento do xulgado de garda unha vez se complete a investigación.