Antonio Traba, concelleiro de Deportes do Concello de Marín, defendíase este venres das críticas das persoas que utilizan a piscina municipal que denuncian diversas deficiencias no servizo.
O goberno local indica que as inclemencias deste inverno e as dificultades atopadas durante a execución da obra provocaron que o proxecto de reforma das instalacións, previsto para catro meses, se ampliase a oito meses, afectando á maquinaria da piscina.
Segundo expón Traba, o proxecto non incluía actuar nalgunhas zonas como os vestiarios. O investimento realizouse para resolver problemas grandes a nivel estrutural como a impermeabilización do tellado, a mellora de sala fitness e da fachada.
En canto ao aire acondicionado, unha das principais queixas dos usuarios, o concelleiro entende o malestar veciñal pero explica tamén que a dotación dunha máquina de deshumidificación e de climatización supón un importe moi elevado. Por este motivo, sinala que é preciso unha licitación na que, segundo expón, está a traballar o goberno local de Marín.
Para resolver temporalmente a situación están a buscarse solucións, asegura Traba, que pide tempo ante os trámites administrativos necesarios para levar a cabo calquera intervención.
Expuxo sobre os problemas na maquinaria apunta que, no momento en que se abriu a piscina, "funcionaban correctamente" e que se está traballando na reposición daquela que é máis urxente e utilizada.
Por último, en relación ao fallo do ascensor, Antonio Traba confirmou que quedará resolvido nos próximos días. O problema, admite, débese á obra xa que durante a súa execución rompeu un dos cristais do conduto superior, provocando filtracións de auga