Bueu acollerá o 14 e o 16 de abril un programa de actividades en homenaxe a Johan Carballeira-alcalde, poeta e xornalista- coa fin de celebrar o 86º aniversario do seu fusilamento.
Os actos, organizados polo Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira, darán comezo o venres 14 de abril ás 20:00 horas no Centro Social do Mar coa proxección de balde de Acorda, un documental elaborado polo departamento provincial de Memoria Histórica e producido pola Deputación de Pontevedra.
A través da música, o audiovisual pretende poñer en valorlugares e feitos de memoria na provincia e homenaxear ás vítimas que perderon a vida na loita pola democracia e a liberdade.
Para iso, o proxecto conta cun elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, Eduardo R. ou Cunha Tatáne diferentes testemuñas reais. Voces do panorama musical galego actual como Tanxugueiras, Ugía Pedreira, Emilio Rúa ou Ezetaerre son outras das figuras participantes,
O domingo 16 ás 12:00 celebrarase a tradicional ofrenda floral na praia da Banda do Río, xunto ao monumento dedicado a Carballeira. O acto contará coas intervencións do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, de Enriqueta Molas -presidenta de Memoria Histórica Marín- e de Félix Juncal -alcalde do Concello de Bueu-. A xornada rematará coa interpretación musical da violinista Lía Vilas.