Bueu vai de tapas e cócteles entre os días 16 e 19 de febreiro

Bueu
10 de febreiro 2017

Vinte e un locais de Bueu participan na ruta de tapas e cócteles de inverno que se celebrará na vila entre os días 16 e 19 de febreiro, co obxectivo de dinamizar a hostalería local nunha época de pouca actividade, segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo

Presentación da ruta de inverno de tapas e cócteles de Bueu
Presentación da ruta de inverno de tapas e cócteles de Bueu / Concello de Bueu

Vinte e un locais de Bueu participan na ruta de tapas e cócteles de inverno que se celebrará na vila entre os días 16 e 19 de febreiro, co obxectivo de dinamizar a hostalería local nunha época de pouca actividade, segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo.

A ruta será de 12 a 13.30 e de 20.00 a 22.00 horas, con posibilidade de horario estendido nalgúns locais. 

Tras o acordado cos locais participantes nas reunións previas, decidiuse que a temática será libre aínda que terá como denominador común o inverno.

O custe da tapa é de 2 euros, e no caso dos cócteles, haberá dúas categorías: de 3 euros para os sen alcohol e de 4 euros para os que conteñen alcohol. Esta diferenciación faise para dar posibilidade de que todas as persoas poidan probar estas bebidas.

Os locais que participan na ruta das tapas, con propostas moi variadas e orixinais, son: A Cepa ("Atún marinado con ensalada de gulas"), Aturuxo ("Tosta de salmón con salsa de Aneto"), cafetería do Centro Social do Mar ("O Entroido"), Chilau ("Ons no Chilau"), A Centoleira ("Mexillón de inverno"), La Perfecta ("Tortilla imperfecta"), Noite Tapas ("Lacón & Grelos"), O Buche ("Da terra"), O Farol ("Tempura boreal"), O Muíño ("Ovos á cazola O Muíño"), O Pazo ("Culum de presa ibérica"), Planta Baja ("Atake ao gnomo"), Casa Quintela ("Brioche, zorza e ovo de codorniz"), Rosalinda ("Capuccino de fungos") e restaurante Loureiro ("Loureiro"). 

Por outra banda, na ruta de cócteles van participar un total de doce establecementos, que se suman con dous tipos de cócteles, con e sen alcohol.

É o caso do Aturuxo que presenta o "Conta atrás" (con alcohol) e o "Unicornio" (sen alcohol), o Chilau con "Ciao Chilau" (con alcohol), o Planta Baja con "Power" (con alcohol) e "Roca" (sen alcohol), Casa Quintela con "Bueu Sunset" (en versión con e sen alcohol), Rosalinda con "Sex on the Ons" (con alcohol), o Black Rose con "Blue Sea" (con alcohol), El Balcón con "The bubbing cham" (con alcohol) e "Challenge" (sen alcohol), El Refugio con "Paraíso" (con alcohol) e "Fantasía" (sen alcohol), Cafetería Jardín con "Cocktail caffé Jardín" (con alcohol), Magic, con "Vermú Ruso" (con alcohol) e "Inverno no trópico" (sen alcohol) e Leña verde con "Da Leña Verde" (con alcohol) e "Ambrosia" (sen alcohol). 

Estas rutas de tapas levan organizándose desde xa hai varios anos como unha fórmula para dinamizar a hostalería local e ofrecer unha alternativa de ocio moi vinculada aos eventos culturais e deportivos.

Arquivado en