Bueu sumérxese no Entroido

Bueu
23 de agosto 2015

Bueu meteuse de cheo esta fin de semana nunha celebración que xa adquiriu a categoría de tradicional no municipio: o Entroido de Verán. No marco da celebración, que encheu as rúas e locais do municipio de caretas e disfraces, unha das actividades máis concorridas foi o desfile infantil organizado na tarde deste sábado

Desfile do Entroido de Verán de Bueu
Desfile do Entroido de Verán de Bueu / LoboCoxo

Bueu meteuse de cheo esta fin de semana nunha celebración que xa adquiriu a categoría de tradicional no municipio: o Entroido de Verán. No marco da celebración, que encheu as rúas e locais do municipio de caretas e disfraces, unha das actividades máis concorridas foi o desfile infantil organizado na tarde deste sábado.

O desfile, organizado polo espazo LoboCoxo de Bueu, percorreu a Banda do Río con un bo número de nenos e adultos con disfraces de piratas, princesas, bailarinas ou dinosaurios e tivo como un dos seus atractivos principias a asistencia dunha vintena de cabezudos guiados polo personaxe do LoboCoxo.

Os cabezudos, que foron repartindo obsequios entre os rapaces disfrazados, son o resultado dun traballo colectivo realizado ao longo de todo o verán no obradoiro impartido polo artista Marc Taeger. A partir de materiais tan sinxelos como cartón, papel, cola e pintura, e inspirándose nos personaxes dos contos, os nenos foron creando divertidas figuras: dende unha xoaniña ata unha vaca, pasando por un simio, un can ou un oso.