Bueu repartirá 6.500 euros entre os participantes dos desfiles do entroido

Bueu
09 de febreiro 2024

O Enterriño da Sardiña será o mércores 14 e o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro o domingo 25 de febreiro

Desfile de entroido en Bueu
Desfile de entroido en Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu destina este ano ata 6.500 euros para a participación nos desfiles do entroido que se celebran neste municipio e que corresponden ao Enterriño da Sardiña e ao Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.

O programa festivo deste ano arranca o sábado 10 e conclúe o domingo 25 de febreiro combinando tradición e modernidade e ofrecendo actividades en todas as parroquias de Bueu.

O Enterriño da Sardiña será o mércores 14 a partir das 17.00 horas e quen estea interesado en participar poden inscribirse ata un día antes; isto é, ata o 13 de febreiro.

Para participar no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, as inscricións concluirán o 22 de febreiro e desenvolverase o domingo 25 a partir das 17.00 horas. Estas inscricións tamén poden facerse desde a web do Concello.

As agrupacións integradas por máis de quince persoas, recibirán unha cantidade fixa. As comparsas de Bueu que participen durante todo o entroido contarán con 500 euros; as agrupacións que teñan máis de quince integrantes e participen no Enterriño da Sardiña recibirán 150 euros e 120 as que, co mesmo número, participen no desfile do domingo 25.

En canto aos premios do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, establécense catro premios para as comparsas de Bueu dotados con 150, 100, 75 e 50 euros. Para as agrupacións de máis de quince persoas hai tres premios que recibirán 250, 175 e 100 euros. Para agrupacións entre tres e quince persoas repartiranse dous premios, 100 e 80 euros. Tamén serán dous premios coas mesmas cantidades para as parellas gañadoras, mentres que os dous premios na categoría de individuais, recibirán 80 e 50 euros.

As comparsas son as grandes protagonistas destes días festivos en Bueu, sen deixar atrás a retranca das charangas, que nesta edición contan coa participación de Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia, Os Kantaclaro e As Faltriqueiras.

Arquivado en