Bueu repartirá 6.000 euros en premios durante o Entroido 2020

Bueu
29 de xaneiro 2020

As persoas e agrupacións que desexen participar nestas actividades poderán anotarse ata o 20 de febreiro e ao igual que na pasada edición, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar

Desfile do Entroido en Bueu
Desfile do Entroido en Bueu / Concello de Bueu

Ata 6.000 euros en premios repartirá Bueu durante as festas do Entroido, tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o mércores 26 de febreiro ás 17.00 horas, como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que terá lugar o 1 de marzo a partir da mesma hora.

As persoas e agrupacións que desexen participar nestas actividades poderán anotarse ata o 20 de febreiro e ao igual que na pasada edición, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar.

Concretamente, destinaranse 300 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.

A maiores, para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro haberá premios ás comparsas de Bueu (150, 100, 75 e 50 euros para os catro primeiros), ás agrupacións de máis de quince compoñentes (250, 175 e 100 euros), ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 e 80 euros), ás parellas (100 e 80 euros) e individuais (80 e 50 euros).

As bases tamén especifican que, no caso de mal tempo, a decisión de saír ou non saír os desfiles tomarase por parte da Comisión de Entroido, que está composta por unha representante do Concello e de colectivos que asistiron ás reunións do órgano.

Arquivado en