Coincidindo coa celebración do 87º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un programa de actos de homenaxe que que se desenvolverán a próxima semana, e cos que se pretende seguir afondando na recuperación da memoria histórica e, nomeadamente, de Johan Carballeira, quen fora alcalde de Bueu, poeta e xornalista.
Precisamente, e con este motivo, este venres celebrouse unha rolda de prensa no salón de plenos do Concello na que se explicou a programación, así como unha proposta de memoria histórica que reivindica a dignidade e a memoria das persoas bueuesas que estiveron nos campos de concentración nazis.
Participaron nesta rolda de prensa Carmen García, concelleira de cultura, Xosé Novas, da directiva da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, e José Manuel Rey, neto de Manuel Rey Cruz, un dos veciños falecidos en Mauthausen.
Os actos comezarán o mércores, 17 de abril, coincidindo coa data de fusilamento de Johan Carballeira. Ás 20.00 horas celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río.
No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento acontecido o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, no mesmo día que outros veciños da vila, caso de Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros de A Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT en Bueu.
O sábado 20, o Centro Social do Mar acollerá ás 12 horas unha charla da xornalista Montse Fajardo sobre a represión franquista contra as mulleres.
Continuando cos actos de reivindicación da memoria, o Concello de Bueu solicitará a Alemaña dúas placas Stolpersteine, que está previsto que se coloque no verán xunta o monumento de Carballeira, na Banda do Río, e que lembrarán aos veciños bueueses falecidos no campo de concentración Mauthausen – Gusen.
Os veciños son José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1947, e Manuel Rey Cruz, veciño de A Graña e falecido o 20 de maio de 1947.
Precisamente, esta semana as familias presentaron sendos escritos no rexistro do Concello para que dende o consistorio se inicien os trámites con Alemaña.