O Concello de Bueu recibiu a concesión da subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra coa que se vai acometer a reforma e mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester.
O proxecto, valorado en 916.559 euros, recibe unha axuda de 687.419 euros do organismo provincial, o que supón máis do 80% para unhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, salientan que se trata dunha actuación que “servirá para transformar radicalmente a biblioteca, cun cambio no edificio a nivel arquitectónico e de servizos”.
Así, a biblioteca, situada no Parque Ramal dos Galos, converterase nun gran centro que ampliará os seus usos e servizos, e se adaptará ás novas tecnoloxías.
Dado o interese social, dende o executivo local organizarán nas próximas semanas un acto público para a presentación co obxectivo de que a cidadanía coñeza un proxecto no que se contou con ela xa dende o comezo a través dun proceso previo de participación cidadá .
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, ao que se engadirá unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, e que permitirá trasladar o Arquivo Municipal, que actualmente se atopa en Cela, ao centro bueués.
O proxecto prevé que a planta baixa mantería as dependencias da biblioteca, que se ampliarían cunha sala de estudos. E a nova planta superior acollería, entre outros servizos, outra sala de estudos.
Dende o goberno local salientan que se trata dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para solventar os problemas de mobilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.
“Será unha rehabilitación integral, que mellorará as condicións térmicas, a iluminación natural e apostará polas enerxías renovables”, destacan Juncal e Moital.