Con motivo do Día Mundial contra o Cancro, que se conmemora o día 4 de febreiro, a Praza do Concello de Bueu acolleu este venres unha xuntanza para informar e concienciar sobre esta enfermidade.
A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), en colaboración co Concello de Bueu, foi a encargada de convocar este acto que consistiu na lectura dun manifesto, a colocación dunha pancarta que estará todo o mes durante o balcón da casa consistorial e a instalación dunha mesa informativa nas inmediacións da praza de abastos ao longo da mañá.
Rosalía Castro, integrante da AECC, foi a encargada de dar lectura ao texto do manifesto preparado pola entidade con motivo deste día e mencionou que "no mundo, 1 de cada 2 homes e 1 de cada 3 mulleres terán cancro ao longo da súa vida" e tamén alertou de que "calcúlase que no ano 2030 21,6 millóns de persoas serán diagnosticadas de cancro, das cales máis de 330.000 serán en España, mentres que en Galiza haberá 21.214 diagnósticos e na provincia de Pontevedra, 7.157".
Ante esta situación, desde a asociación insisten e reivindican a necesidade de adoptar medidas de actuación inmediata, como o incremento da prevención do cancro traballando nos determinantes sociais como factor de desigualdade na saúde; o aumento e o fomento dos programas de detección precoz desta enfermidade, garantindo o acceso equitativo e igualitario a estes programas, poñendo especial atención aos cribados de colon, pulmón e cérvix; e a dotación dos recursos precisos para a investigación oncolóxica, velando polo acceso dos resultados de investigación ao paciente.
Dende a AECC continúan a traballar para diminuír os datos de pacientes con cancro, e centran os esforzos tamén na concienciación social para poder acadar o desafío de que no 2030 a supervivencia sexa do 70%.
No acto celebrado en Bueu tamén participaron Félix Juncal, alcalde do municipio, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Jesús Ángel Rodríguez, concelleiro do PP, ademais de alumnado e veciñanza en xeral.