Bueu volverá a pór en marcha o vindeiro luns 25 de setembro o seu Servizo de Atención Temperá (SAT), co que busca promover a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo.
Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este venres as novas dependencias do servicio, que están situadas na rúa Montero Ríos 99 no local 11-12. O servizo foi licitado e adxudicado á firma Centro de Orientación de Estudios Comerciales SLU, cun importe que supera os 250.000 euros.
O SAT púxose en marcha no Concello de Bueu en setembro do pasado ano a través dun contrato menor, e posteriormente levouse a cabo un proceso de licitación debido ao importe do mesmo. Despois da interrupción durante os meses de verán, o servizo reanúdase o luns coas corenta familias usuarias, que xa foron avisadas ao longo desta semana.
Este servizo conta cun protocolo específico no proceso de detección e derivación de situacións susceptibles de necesitar atención temperá. Nese proceso, destacan desde o Concello, é vital a figura das e dos profesionais da pediatría de atención primaria de saúde xa que son eles os que farán a valoración inicial do desenvolvemento do neno ou nena e, a partir do seu diagnóstico, determinan a idoneidade da unidade de atención temperá para facer a atención especializada, segundo as necesidades observadas.
Este tipo de servizo demanda a colaboración de profesionais especializados en diferentes campos para detectar as causas que interfiren no desenvolvemento do neno ou nena e actuar para o seu progreso. Para iso cóntase con persoal variado, como un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.
As persoas que necesiten informarse sobre o servizo poderán contactar no teléfono 628867812 ou no enderezo electrónico [email protected]. Ademais, o horario de atención ao público será o luns ás de 9.30 a 18.30; martes, mércores e xoves, de 8.00 a 18.30; e o venres, de 8.00 a 14.30 horas.