"O Concello de Bueu non é causante da contaminación da ría de Pontevedra". Así de contundente mostrouse o alcal de Bueu, Félix Juncal, ao explicar o resultado dos informes solicitados polo propio Concello ao Ministerio de Medio Ambiente e a Augas de Galicia.
Estes informes, solicitados a raíz do expediente sancionador 2002/2123 sobre o tratamento de augas residuais urbanas, conclúen que a depuradora (EDAR) de Bueu "cumpre coa directiva europea".
En 2013 Bueu foi incluída na aglomeración urbana Pontevedra-Marín-Poio, afectada desde 2012 por un ditame da Comisión Europea que manifestou esta zona como non conforme coa Directiva 91/271/CEE, unha situación que provocou a protesta do Concello.
Agora estes informes poñen de manifesto, para o goberno local, que "a zona urbana e a EDAR de Bueu cumpre coa directiva e non son responsables da contaminación da ría".
O que si recollen os documentos solicitados por Bueu a Augas de Galicia e ao Ministerio de Medio Ambietne é a proposta de mellora da EDAR de dos Praceres "xa que, aínda que se realizaron traballos para tentar optimizar ou seu funcionamento, non se logrou paliar de todo a contaminación".