Ás catro praias que tradicionalmente conseguen a bandeira azul, Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos, Bueu quere sumar unha quinta: o areal urbano de Banda do Río.
Así, o goberno municipal presentou a candidatura destas cinco praias para este galardón, que concede cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
Para o alcalde, Félix Juncal, a bandeira azul para a Banda do Río sería un "fito histórico" porque a praia partía dun "niveis altísimos" de contaminación que se lograron erradicar co traballo realizado na última década.
Xa coa vista posta nesta campaña, o Concello activou o pasado verán o servizo de socorrismo no areal e tamén se acaban de instalar uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, no que está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade.
O alcalde salienta que "é un momento ilusionante" pensar que esta praia poida izar este distintivo porque "poñería a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas", que no seu momento, recoñece, "era unha utopía".
Ademais, Bueu tamén aspirará a revalidar o distintivo azul para os centros medioambientais, concretamente para a Aula da Natureza de Cabo Udra e para o Centro de Interpretación de Agrelo, cuxas candidaturas xa foron presentadas nesta semana.
A elas engadirase a candidatura do Sendeiro de Cabo Udra, que tamén se ultimará nos vindeiros días.