Bueu prepárase para un 25-N sen actos masivos e demanda máis recursos para a loita contra a violencia de xénero

Bueu
10 de novembro 2020

A través da concellaría de igualdade, o Concello anima aos comercios e locais de hostalaría a sumarse por terceiro ano consecutivo á campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’, impulsada no marco dun proxecto galego. Nas redes sociais iranse publicando entre os días 23 e o 25 as imaxes de escaparates participantes 

Campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’
Campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’ /

O Concello de Bueu está a traballar na conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, para adaptar as habituais accións reivindicativas á realidade da pandemia da covid-19 e evitar as aglomeracións e actos que poidan favorecer os contaxios. 

A concelleira de Igualdade Ana Isabel Otero, explicou que unha das ideas nas que se está traballando é a elaboración dun vídeo no que membros da Corporación lerán fragmentos de poemas ou novelas que traten sobre as violencias machistas ou reflexionen sobre o feminismo, e que se difundirá nas redes sociais do Concello.

Segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, é probable que se organicen pequenos actos nos centros educativos da vila, tanto de primaria como de secundaria.

De momento, a Corporación local xa aprobou no pleno deste mes unha declaración institucional de todos os grupos políticos municipais na que demandan á Xunta de Galicia o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero nos orzamentos de 2021, de forma que se sitúen como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, entre outras cuestións.

Ademais, a través da concellaría de igualdade, o Concello anima aos comercios e locais de hostalaría a sumarse por terceiro ano consecutivo á campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’, impulsada no marco dun proxecto galego. 

Debido á situación da covid-19, este ano o Concello non repartirá material físico a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), pero pode reciclarse de anos anteriores ou descargarse da web https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl. Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando entre os días 23 e 25 as imaxes dalgúns escaparates participantes, polo que se convida a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen ao enderezo [email protected]

Por outra banda, a  Xunta de Galicia organiza o xoves 19 unha mesa informativa na Praza Massó sobre o programa '#AgresiónOff 2020', que se poderá visitar entre as 10 e as 14 horas. E o propio 25 de novembro, está convocada dende a Subdelegación do Goberno unha concentración silenciosa por todas as vítimas asasinadas polo machismo, que terá lugar ás 12 horas diante da Casa Consistorial.