Bueu prepárase para acoller a terceira edición do festival artístico solidario Art For Change

Bueu
17 de novembro 2023

O evento celebrarase o vindeiro 27 de abril de 2024 co obxectivo de concienciar sobre a necesidade do coidado do medio ambiente e da infancia

Alumnado de 4º da ESO do IES Johán Carballeira
Alumnado de 4º da ESO do IES Johán Carballeira / Concello de Bueu

Coa cultura celta como eixo central, Bueu volverá ser escenario do III Festival Artístico Solidario Art For Change, promovido polo IES Johán Carballeira en colaboración do Concello da vila. 

O evento celebrarase o 27 de abril de 2024 co obxectivo de concienciar sobre a necesidade do coidado do medio ambiente e da infancia, e terá unha parte artística e outra solidaria.

Por ese motivo, a concelleira de cultura, Carmen García, reuniuse este venres co alumnado e profesorado de 4º da ESO do instituto co fin de expoñer as necesidades de cara este evento que tivo unha gran acollida en anos anteriores e que xa se atopa asentado no calendario.

A idea central do festival é investigar acerca das nosas raíces e da nosa identidade, por iso dende o centro traballan xa co fin de "aumentar o número de actividades e de afluencia de público", tal e como destacaron no encontro mantido con García.

O evento celebrarase nunha carpa na Praza Massó onde co Art For Change apoiará entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura.

A estas alturas aínda están en proceso de selección de dúas ONG relacionadas co medio ambiente e coa infancia, para as que se destinarán os fondos recadados coa venda dos produtos que se elaboren para o festival.

Dende o IES Johán Carballeira convidarán aos centros do municipio e posiblemente a outros das comarcas próximas para que poidan unirse á iniciativa con actuacións musicais, exposicións, obradoiros, teatro, etc.

FESTIVAL ART FOR CHANGE

O evento naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado 'Oceans of Culture, Culture Of Oceans', no que se analizou xunto a outros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras.

Tomando como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organiza en anos anteriores polo mesmo instituto, púxose en marcha un festival solidario que recadou, nesa primeira edición, un total de 2.362 euros que se repartiron entre as ONGs BDRI e Pallasos sen Fronteiras.

No curso seguinte medrou en afluencia de público,e se recadaron 4.225 euros, que foron a parar a 13 grados e Save the children.