O Centro Social do Mar acolleu este martes un emotivo acto de homenaxe, a través dun pleno extraordinario no que Juan Veiga Alfonso foi nomeado Fillo Adoptivo de Bueu. O acto estivo ateigado de momentos de intensa emotividade, xa desde o primeiro momento cando o concelleiro de cultura, Carlos Eirea, se referiu a Don Juan como "un home bo e xeneroso" ao que se rende unha "homenaxe de xustiza".
A música púxoa José Rocha Puga, mestre de violonchelo do conservatorio cangués e, tras a primeira parte na que se tomou o acordo plenario, pasouse a unha segunda na que o alcalde da vila, Félix Juncal, fixo entrega a Juan Veiga dunha insignia e un diploma do Concello de Bueu, e non quixo perder a oportunidade de lembrar os seus momentos persoais co homenaxeado, e tamén un pequeno discurso en nome de toda a corporación.
Nel comezou salientando que "compartimos un mesmo sentimento", apelando á unanimidade de todos os concelleiros e cidadanía á hora de facer este nomeamento a unha persoa que ao longo de 44 anos se caracterizou pola "súa dedicación e bo facer no seu traballo e no compromiso coa sociedade". Juncal expresou a emoción e o agradecemento de todo un pobo cara á figura de Juan.
Rematou o acto o protagonista, Don Juan, lembrando os primeiros anos pasados en Bueu e como pouco a pouco esta terra se foi convertendo en súa, a pesar de ter vivido nela momentos bos e malos, e que é en definitiva "o meu pobo, quérovos moito", palabras tras as que o público estourou nun aplauso intenso.
UNHA VIDA DE SERVIZO
Don Juan Veiga Alfonso traballou ininterrompidamente durante 44 anos na vila de Bueu desempeñando distintos postos no ámbito da saúde, tanto como practicante, ATS ou mesmo enfermeiro.
A súa andaina na vila morracense comezou no ano 1973, cando un mozo e ilusionado Juan Veiga chegou para facer unha substitución do practicante titular. Dous meses iniciais que se suceden cunha interinidade para logo, tras ter aprobado as oposicións en Madrid, tomar posesión como enfermeiro titular de Asistencia Pública Domiciliaria.
As limitacións do sistema daqueles anos fixeron que, ante a demanda de poboación, Juan Veiga establecese unha consulta propia que dera resposta ás necesidades sanitarias que non podían ser cubertas por un sistema sanitario precario. Nestes primeiros 16 anos dedicouse completamente a este traballo, polo que non colle nin sequera vacacións.
Á parte do eido sanitario, Don Juan Veiga implicouse na vida social e sempre se mostrou disposto a colaborar con calquera entidade que solicitaba a súa participación en calquera esfera social. Tal é o caso do cargo que desempeñou no club de remo Vila de Bueu, do que foi remeiro, patrón e presidente. Tamén formou parte do equipo de fútbol sala da Casa do Mar, composto por profesionais do eido sanitario, e ata foi profesor de música informal apoiando á rapazada inqueda da Banda do Río.
Os méritos para este recoñecemento son moitos pero, tal e como recolle o concelleiro de cultura na súa proposta, "non é a de Don Juan unha historia de títulos, cargos, premios e outros méritos, senón que é unha historia de intanxibles que encheron de saúde e ledicia a vida dun grande conxunto de cidadáns".