O Concello de Bueu mantén a súa aposta pola compostaxe e este luns completou a instalación dun composteiro de 800 litros no colexio Virxe Milagrosa, ao que os alumnos puideron realizar a primeira achega.
Este composteiro xestionará os residuos de comida procedetens do comedor e das merendas dos recreos. O que permitirá que os máis pequenos poidan coñecer de primeira man o ciclo da materia orgánica.
Iria Rey, mestra composteira, do Concello de Bueu foi a encargada de impartir unha charla formativa ao alumnado do centro na que tamén os informou da importancia e beneficios desta forma de tratar os residuos.
Con esta intervención, case todos os colexios da vila contan xa co seu propio composteiro. Ademais, a compostaxe leva funcionando neste municipio desde hai 5 anos, cando se instalaron dous centros comunitarios na rúa Xosé María Estévez e Pazos Fontenla, que xestionan en total unhas 30 toneladas ao ano.
Destaca o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Leal, que "estamos a dar un salto de calidade en materia ambiental e de xestión de residuos".