Bueu inicia este xoves a rexeneración do entorno de Ermelo

Bueu
16 de maio 2017

Un total de 77.000 euros destinará o Concello de Bueu á rexeneración do entorno de Ermelo, uns traballos que comezarán este xoves e que executará á empresa Rocas Graníticas del Condado. O custo vai con cargo ao plan de obras e servizos da Deputación

Visita do alcalde de Bueu, Félix Juncal, á zona de Ermelo
Visita do alcalde de Bueu, Félix Juncal, á zona de Ermelo / Concello de Bueu

Un total de 77.000 euros destinará o Concello de Bueu á rexeneración do entorno de Ermelo, uns traballos que comezarán este xoves e que executará a empresa Rocas Graníticas del Condado. O custo vai con cargo ao plan de obras e servizos da Deputación.

A primeira fase vai consistir na rexeneración do entorno da igrexa, que incluirá a substitución do actual pavimento de asfalto por unha solución mixta entre lastro e lousas de granito, buscando unha alternativa de tratamento deste espazo máis tradicional e co que se revalorizará ese núcleo histórico tradicional do Morrazo.

Neste sentido, os tendidos eléctricos tamén serán soterrados e crearase unha canalización, tamén soterrada, para a recollida de augas pluviais.

Nos límites cos muros tradicionais crearase unha franxa de amortecemento empregando as pedras do antigo empedrado constatado no lugar, tarefa para a que se conta coa supervisión dun arqueólogo.

As obras xa foran licitadas e adxudicadas o ano pasado pero a empresa tivo que renunciar por non poder cumprir coas garantías do proxecto.