Bueu homenaxea a Agustín Gutiérrez, todo un símbolo do seu Entroido

Bueu
29 de febreiro 2020

Agustín Gutiérrez, unha das persoas de Bueu máis recoñecidas debido aos seus orixinais deseños do Entroido, foi homenaxeado este sábado na súa vila natal nun acto celebrado no salón de plenos da casa consistorial

Homenaxe a Agustín Gutiérrez en Bueu
Homenaxe a Agustín Gutiérrez en Bueu / Concello de Bueu

Agustín Gutiérrez, unha das persoas de Bueu máis recoñecidas debido aos seus orixinais deseños do Entroido, foi homenaxeado este sábado na súa vila natal.

No acto, celebrado no salón de plenos da casa consistorial, o alcalde da vila, Félix Juncal, lembrou a labor intensa do homenaxeado e salientou "a felicidade que nos contaxiou Agustín", en alusión aos disfraces que elaboraba con motivo do Entroido e noutras festas do ano.

O homenaxeado mostrouse emocionado e agradecido por esta homenaxe acordada no comité do Entroido e dedicou unhas verbas á súa muller porque "sen ela non podería facer moitos dos disfraces", apuntou.

Ademais, lembrou os seus comezos con 14 anos nos bailes da mítica Sala Paraíso, e "dende aquela xa non parei ata hoxe", segundo afirmou no acto.

Previo ao acto institucional, as comparsas da vila interpretaron unhas pezas na Praza Massó e, xa no salón de plenos, as persoas asistentes puideron ver un vídeo dalgúns dos deseños máis recoñecidos de Agustín. Como lembranza desta homenaxe, o alcalde fíxolle entrega dunha réplica de Rosalía de Castro de Sargadelos.

Moitas persoas, entre familiares e amizades, quixeron acompañar a Agustín Gutiérrez nesta sentida homenaxe que lle rendeu a súa vila.