Esta mesma semana entrarán en servizo as dúas novas glorietas executadas pola Xunta de Galicia dentro das obras de mellora de seguridade viaria da estrada PO-551 ao seu paso por Bueu
Unha das rotondas dá acceso á praia de Lapamán na intersección coa estrada provincial EP-1304 e a outra na intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.
A Xunta incorporou nestas dúas rotondas as suxestións presentadas no período de información pública do proxecto. A de Agrelo desprazouse á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. En Lapamán houbo un axuste para reducir a ocupación e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.
O proxecto tamén inclúe a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán. Ademais, refórzase a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes.
Outras actuacións complementarias son a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indicou que estas novas rotondas forman parte de obras destinadas á mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551 ao seu paso polos concellos de Bueu e de Marín, nas que se está a realizar un investimento autonómico de case 1,2 millóns de euros.