Os actos de Entroido aprazados a pasada fin de semana por mor do mal tempo retomaranse en Vilagarcía e Bueu os vindeiros sábado 20 e domingo 21 de febreiro.
No caso de Bueu, o sábado ás 17.00 horas celebrarase o Desfile infantil do Enterriño da Sardiña coa participación confirmada de cinco comparsas e o domingo ás 18.00 horas será o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, con arredor de 25 grupos, comparsas, parellas e individuais.
Para o Desfile do Enterriño da Sardiña, o Concello entregará un primeiro premio de 200 euros, e un segundo de 100 euros. E para o do Paxaro de Mal Agoiro varios premios que se dividen en primeiro e segundo premio para comparsas, dotados con 300 e 200 euros respectivamente, un primeiro e segundo para grupos, con 300 e 200 respectivamente, e dous premios únicos de 150 euros nas categorías de parellas e individuais.
Todas as persoas e agrupacións inscritas no Desfile do Enterro do Paxaro deberán recoller una credencial na sala Domínguez Búa a partir das 16.30 horas cun número para que o xurado poida identificalas con facilidade no transcurso do desfile.
En Vilagarcía, o desfile concurso de disfraces e carrozas celebrarase o domingo ás 17.00 horas despois de aprazarse dúas veces debido ás adversas condicións meteorolóxicas. O único cambio que conleva este aprazamento é a modificación da data, xa que se manteñen os horarios e percorrido.
O desfile partirá da rúa Alexandre Bóveda, onde os participantes deberán reunirse co tempo suficiente para organizar a saída, tal como se especifica nas bases.