Bueu despide cun gran desfile o seu paxaro de mal agoiro

Bueu
11 de marzo 2019

Bueu viviu este domingo o día grande do seu Entroido. Foi co desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, no que participaron máis dunha vintena de grupos que percorreron as principais rúas da vila enchéndoas de música e diversión

Paxaro de mal agoiro en Bueu
Paxaro de mal agoiro en Bueu / Concello de Bueu

Bueu viviu este domingo o día grande do seu Entroido. Foi co desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, no que participaron máis dunha vintena de grupos que percorreron as principais rúas da vila enchéndoas de música e diversión.

Tras o desfile e a posterior queima do paxaro -que foi elaborado polo ilustrador local Marc Taeger- na Banda do Río, o xurado foi o encargado de anunciar os premios.

Así, na categoría das comparsas de Bueu o primeiro premio, dotado con 100 euros foi para a Asociación As Faltriqueiras e o segundo, de 50 euros foi para Os do Pinsel. Nas agrupacións de máis de quince compoñentes, Viaxeiros no tempo fíxose co primeiro posto de 250 euros, El oeste de los Monpitunis co segundo de 175 euros e Locos años 20 co terceiro de 100 euros.

Entre as agrupacións de entre tres e quince compoñentes, Medusas do Morrazo foi o primeiro clasificado, cunha dotación de 100 euros e o segundo Vimos de Beluso con 80 euros. Así mesmo, houbo premios para a categoría de parellas, gañando Delfina Martínez Carballo o primeiro premio de 100 euros e Tribu Africana Zulú o segundo con 80 euros. Finalmente, na categoría individual, José Martínez Nogueira fíxose co primeiro e único premio de 80 euros. 

Ademais, e ao igual que o pasado ano, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibiron unha cantidade fixa por participar.

A tarde do domingo culminou cunha homenaxe a Silvino Dopazo "O Cimarrón", na que se lle fixo entrega dunha figura do faro de Ons á familia. O broche de ouro puxérono as comparsas cunha actuación musical e festiva na Praza Massó.

Arquivado en