MozArte é un festival dirixido ao fomento da creatividade entre as persoas máis novas e que busca ser un escaparate para as súas iniciativas no eido artístico. A súa segunda edición celebrarase na Praza Massó de Bueu o domingo 9 de xullo, a partir das 12 da mañá, e incluirá actividades como son o cómic, exhibicións ximnásticas, xogos de rol ou concertos.
A idea desta iniciativa, creada o pasado ano, é impulsar a creación como forma de comunicación. Así o destacou Inmaculada Rodríguez, a concelleira de mocidade do goberno bueués, quen estivo acompañada do alcalde, Félix Juncal e do tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva na súa presentación.
Cun aumento na programación con respecto ao pasado ano, o festival constará de tres partes.
Pola mañá, ás 12.00 horas, actuará o Grupo de Baile Moderno de Sara Estévez, que fará unha exhibición de media hora. A continuación, terá lugar unha representación de ximnasia artística acrobática, a cargo do Club de Ximnasia de Pontevedra, e unha exhibición de Jugger, un deporte que consiste nunha mestura entre rugby e esgrima sen técnicas violentas.
Ademais, entre as 12 e as 14 horas, haberá dous obradoiros: o primeiro será impartido por Corvus Belli, unha empresa canguesa con sede no polígono de Castiñeiras, que presentará o seu xogo Infinity, unha estratexia de mesa con miniaturas elaboradas con moito mimo e que recrean unha realidade distópica dun mundo futuro no que xa nada é coma na actualidade.
Outro obradoiro que se desenvolverá ao mediodía será o de cómic que impartirá Joshua Acuña Martínez, no cal ensinará técnicas básicas de como crear unha historieta.
Segundo destacou a concelleira, mentres se desenvolven estas dúas actividades, haberá na Praza Massó unha mostra de cómic na que participarán as librarías bueuesas (Miranda, Abrente e Marpau) e a especializada Wells, con sede en Cangas.
Xa pola tarde, ás 19 horas, volverá desenvolverse o obradoiro de cómic e de Jugger, neste último caso facendo unha explicación breve das regras do deporte e fomentando un xogo aberto para as persoas que se acheguen.
Á noite, a partir das 20.30 horas, será a quenda da música, coa actuación de catro bandas locais, que ofrecerán os seus mellores temas ata a medianoite. Concretamente serán Combo Escola do Valado, Tom (Tales Of Monkeys), The Water Parties e The Dragon Wave.