Este venres 23 de agosto, os Xardíns de Urbano Lugrís nas Lagoas, Bueu, celebrarase a cuarta edición da Gholifesta, unha iniciativa do Concello de Bueu que busca a defensa dos dereitos de todas as persoas a amar libremente, segundo expoñía este mércores a concelleira de Benestar Social, Inmaculada Rodríguez, durante a presentación do evento.
Coa idea de que se trata dunha xornada de activismo cívico, lúdico e solidario, a proposta vai dirixida especialmenta á mocidade. Comezará ás 19.00 horas con xogos de animación e música a cargo de Alba Outeda, encargada de amenizar o lanzamento de po de cores. A actividade contará tamén cunha mesa informativa a cargo de Inés del Río, pediatra integrante de Médicos do Mundo e activista dos dereitos da comunidade LGTBIQ+.
Desde unha hora antes do inicio da festa poderanse adquirir camisetas conmemorativas, mochilas e pos de cores por un prezo de 10 euros, segundo explicaba Carmen Miranda, tesoureira da asociación Bicos de Papel, que colabora na organización do evento.
A festa servirá para visibilizar á comunidade LGTBIQ+ e defender o dereito que todas as persoas teñen a ser quen quere ser e a amar con liberdade.