O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Bueu vai a bo ritmo na súa tramitación e será aprobado inicialmente antes do verán. Na actualidade, o Concello réxese por unhas normas subsidiarias aprobadas en xuño de 1986.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas mantivo este mércores unha reunión co alcalde de Bueu, Félix Juncal, para analizar o estado de tramitación do PXOM contratado polo concello no ano 2009 e no que a Xunta de Galicia aporta 140.000 euros.
Urbanismo emitiu en xullo de 2012 o informe previo a aprobación inicial no que se indicaban unha serie de axustes, en base ao cumprimento da LOUGA, que debe incorporar o documento de planeamento para continuar a tramitación. O alcalde trasladou que estes cambios xa están feitos e que o Concello elevará o PXOM a Pleno para aprobación definitiva antes do verán, co fin de que sexa exposto ao público durante os meses de xullo e agosto para darlle a máxima difusión ao documento.
Simultaneamente á súa exposición pública durante dous meses, solicitaranse os correspondentes informes sectoriais, os cales deben de ser preceptivos e vinculantes. Unha vez incorporados os resultados dos referidos informes e as alegacións que sexan aceptadas polo Concello o documento será aprobado provisionalmente e remitido á Xunta para aprobación definitiva.
Outro dos temas tratado foi a formulación por parte do alcalde da viabilidade dun proxecto piloto impulsado polo Concello baseado na creación dun centro de estudios na natureza en lingua estranxeira nas proximidades de Cabo Udra. A secretaria xeral trasladou os trámites que debe seguir para obter a preceptiva autorización autonómica.