O Entroido de Bueu terá este ano un protagonista moi especial, Silvino Dopazo "O Cimarrón", unha das persoas máis destacables no impulso desta festa, xa que foi fundador da comparsa As Pirilleiras no ano 1963.
Así o anunciou este martes o goberno municipal durante a presentación da programación do Entroido, que terá actividades para todos os públicos, cun intenso protagonismo para os colectivos, asociacións, asociacións de nais e pais e comparsas da vila que colaboran na programación desta edición.
A programación iníciase este venres coa exposición fotográfica arredor da figura de Silvino que se poderá ver no estaleiro da Banda do Río e, ao día seguinte ás 21.00 horas, haberá un coloquio no Centro Social do Mar na que participarán Arturo Sánchez Cidrás, historiador local, a familia de Silvino e antigos membros das Pirilleiras e de Xarangallo Mangallo.
Outro dos puntos fortes do Entroido será, ao igual que o ano pasado, a actuación das comparsas nas sesións vermú durante as fins de semana na carpa da Praza Massó, onde as persoas asistentes poderán ver en directo a Os Mulos, Vou nun bou, As Faltriqueiras, Os do Pinsel e Os Kantaclaro (os sábados a partir das 12.30 e os domingos ás 13 horas).
Para os máis pequenos da casa organízanse obradoiros infantís con xogos, elaboración de máscaras e diversas propostas relacionadas con estas datas, que se celebrarán do 4 ao 6 de marzo, entre as 11 e as 13 horas na carpa da Praza Massó. Poderán participar nenos e nenas de 4 a 12 anos.
O 1 de marzo, os colexios sairán nos seus tradicionais desfiles pola vila a partir das 11 horas e pola tarde, a partir das cinco, Marc Taeger impartirá un obradoiro de decoración da carpa do Entroido para pequenos e maiores.
Pola súa banda, o sábado 2 ás cinco da tarde organízase un concurso gastronómico de Entroido para xubilados e pensionistas no Centro Social do Mar, a cargo do Club de Xubilados, e na carpa terá lugar un baile e concurso de disfraces infantil organizado polo Concello e a Deputación de Pontevedra.
A partir das nove da noite será a quenda do baile e concurso de disfraces de adultos, con vales de compra para os dous primeiros clasificados nas categorías de individual, grupo e parella.
O luns 4, a partir das 20.00 horas, a Asociación Veciñal da Banda do Río organiza un baile de bascalleiros na pista do barrio; mentres que o 5 de marzo, as actividades trasládanse á Casa da Aldea de Meiro, onde a partir das catro se celebrará a tradicional Filloada, con elaboración, degustación e actuación das comparsas.
O día 6, ademais do tradicional Desfile do Enterriño da Sardiña que sairá da Praza Massó ás cinco, celebrarase un concurso de disfraces na pista da Banda do Río.
O venres desa semana, a carpa do Entroido acolle unha festa infantil de disfraces e pola noite, unha festa swing na pista da Banda do Río, ademais do tradicional XXXIX Festival de Comparsas no Centro Social do Mar organizado polo Bueu Atlético Balonmán.
O sábado 9 terá lugar ás cinco da tarde unha filloada na Banda do Río e un pasarrúas e actuación da Asociación de Percusionistas Aperta con saída do porto de Bueu; e o domingo 10, a partir das cinco, celebrarase o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro; e para as persoas xubiladas e pensionistas, baile de Entroido no Centro Social do Mar ás 19 horas.
Como peche de toda a programación, o día 15 celebrarase o Festival de Comparsas na Casa do Pobo de Beluso e o 16 no Centro Social do Mar.