Bueu volve aos anos 90 cunha festa temática na carpa das Lagoas

Bueu
26 de novembro 2024

O evento desenvolverase a partir das 23:00 horas con DJ Moe e tamén haberá servizo de barra e zona gastronómica con establecementos da vila

Carpa das Lagoas
Carpa das Lagoas / Concello de Bueu

Desde o movemento grunge, ata a música hip hop, pasando pola moda urbana e a cultura rave, os anos 90 deixaron unha marca indeleble na moda e na música.

A aquela época regresará este sábado Bueu. O Concello organiza unha Festa dos Anos 90 na carpa das Lagoas.

O evento nace coma unha proposta de dinamización cultural e co obxectivo de encher a carpa de propostas de actividades para todas as idades.

Despois do éxito dos mercados ecolóxico e de Nadal nas fins de semana anteriores, continúase agora con esta iniciativa na mesma zona.

A festa estará amenizada por DJ Moe a partir das 23 horas, aínda que xa dende as 22 horas haberá música ambiente, posto que tamén se contará con servizo de barra e zona gastronómica con establecementos da vila co fin de que as persoas asistentes poidan comer e beber na propia carpa.

O evento concíbese coma unha fórmula de incrementar as alternativas de ocio nestas datas previas ao Nadal, e tamén pretende dinamizar o tecido hostaleiro.

Esta festa temática continuará na liña da dos anos 80 que se organizou no Entroido deste ano con gran acollida por parte da cidadanía.

Dende o consistorio anímase a toda a cidadanía a participar no evento e a asistir vestidos de época.