O Concello de Bueu organiza a fin de semana do 3 e 4 de maio as "Xornadas abertas de alfombrismo Corpus 2024", unha iniciativa que xorde para explicar todo o proceso da arte floral, difundilo e animar á veciñanza a elaborar tapices de cara á festa que se celebrará o 2 de xuño.
Coa participación e a colaboración de alfombristas da vila, a Praza Massó ateigarase de flores xa dende o venres, 3 de maio, cando a partir das 17 horas se realizarán obradoiros de preparación do material, polo que as persoas que se acheguen poderán ver e participar da recollida, a elaboración de plantillas, o tamizado e a tintura. Xa o sábado, tamén á mesma hora, procederase a elaborar as alfombras.
Estas Xornadas organízanse co obxectivo de fomentar a participación na Festa das Alfombras Florais do Corpus e para dar a coñecer as axudas por participación nas que a Concellaría de Cultura leva meses traballando xunto aos colectivos de alfombristas da vila.
A festa das alfombras, que este ano se celebra o 2 de xuño, conta con máis dun cento de anos de antigüidade, e foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, conta co distintivo de Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.
As axudas por participación, que se aprobarán nas próximas semanas, nacen co obxectivo de fomentar a elaboración de tapices florais co fin de reforzar a ambientación das rúas e revitalizar esta tradición cunha historia que se remonta ao século XVII. Estas axudas de participación, para as que se destina un crédito de 9.000 euros, dividiranse en dúas liñas: 4.500 euros repartiranse en contías económicas por participar e elaborar alfombras de tamaños 3 x 5 metros, 3 x 10 metros e 3 x 15 metros. A outra parte, do mesmo importe, destinarase a bonos comercio que se entregarán ás persoas participantes e coas que se reforzará o comercio de proximidade.
Estas axudas diríxense a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo.