Bueu, a piques de inaugurar o seu segundo composteiro comunitario e de recibir 50 individuais

Bueu
23 de abril 2017

A brigada de obras municipal está ultimando os traballos de acondicionamento do espazo no que se situará. O lugar no que vai funcionar este composteiro é unha parcela máis grande que se vai axardinar, e na que se vén de culminar estes días unha área de petanca

Novo composteiro comunitario de Xosé María Estévez
Novo composteiro comunitario de Xosé María Estévez / Concello de Bueu

O Concello de Bueu traballa coa previsión de inaugurar o composteiro comunitario de Xosé María Estévez, o segundo que terá o municipio, a finais da semana próxima. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a brigada de obras municipal está ultimando os traballos de acondicionamento do espazo no que se situará. O lugar no que vai funcionar este composteiro é unha parcela máis grande que se vai axardinar, e na que se vén de culminar estes días unha área de petanca, para a que se fará nos vindeiros días unha convocatoria de cara a que as persoas interesadas poidan gozar do seu uso.

O alcalde, Félix Juncal, insiste en que esta actuación realizada no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra supón unha mellora ambiental duns terreos cheos de vexetación que terán unha nova función de área de lecer. Ademais de mellorar os terreos, estase a traballar na accesibilidade da zona.

 Con esta mellora, o goberno tamén está sopesando a instalación dun asador que favorecerá o lecer dos veciños.

Unha vez lista a zona, cara finais da semana que vén, vaise inaugurar o composteiro e acoller ás persoas que se queiran sumar á iniciativa. Ademais, o Concello está realizando os trámites necesarios con Sogama para que nas próximas semanas cheguen ao Concello uns 50 composteiros individuais para repartir entre a veciñanza no marco dun convenio entre ambas entidades para reducir os residuos orgánicos.