Bruxelas tramitará de urxencia a petición das familias do Villa de Pitanxo para que o Goberno central investigue o naufraxio

Marín
08 de setembro 2022

Os familiares piden que a Eurocámara inste ao Goberno central a que facilite os medios materiais e loxísticos necesarios para que un robot baixe ao pecio, co fin de coñecer mellor as circunstancias do naufraxio e tentar recuperar os corpos dos desaparecidos. A data fixada para o debate é o 25 de outubro

Carolina Arévalo e María José de Pazo en Bruxelas
Carolina Arévalo e María José de Pazo en Bruxelas / Familias Villa de Pitanxo

O pasado mes de xullo, María José de Pazo e Carolina Arévalo, en representación das familias afectadas polo naufraxio do Villa de Pintanxo, desprazábanse a Bruxelas para entregar persoalmente a solicitude das familias ante a Comisión de Peticións da Comisión Europea para que se esixa a España máis información e transparencia sobre o naufraxio.

Mes e medio despois, a reunión de coordinadores da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de adoptar a decisión de tramitar pola vía de urxencia esta solicitude dos familiares. En concreto, tratarase a petición para que a Eurocámara inste ao Goberno central a que facilite os medios materiais e loxísticos necesarios para que un robot baixe ao pecio, co fin de coñecer mellor as circunstancias do naufraxio e tentar recuperar os corpos dos desaparecidos. A data fixada para o debate é o 25 de outubro.

"O resultado foi favorable e estamos moi contentos de que as institucións europeas teñan esa sensibilidade por este caso", declaraba María José de Pazo, a portavoz dos familiares das mariñeiros vítimas do accidente do buque marinense. De Pazo xa avanza que o próximo 25 de outubro tentará estar presente en Bruxelas o maior número de familiares.

Pola súa banda, o Partido Popular europeo foi a primeira formación política en reaccionar a esta decisión. O eurodeputado Francisco Millán Mon expresaba a súa satisfacción porque os familiares "atopen o respaldo das institucións europeas".

Engade Millán Mon que "Europa debe apoiar o desexo dos familiares de que o Goberno español satisfaga dúas peticións básicas, que me parecen moi comprensibles e naturais: atopar e recuperar os corpos das vítimas, que poderían estar nos aparellos despregados ou no barco; e coñecer mellor as circunstancias do naufraxio".

O eurodeputado pontevedrés entende que o Dereito comunitario, e particularmente a Directiva 18/2009, sobre a investigación de accidentes no sector do transporte marítimo, "pode amparar as pretensións dos familiares das vítimas".