A brigada Galicia VII sumouse este luns aos traballos de axuda e apoio aos damnificados pola catástrofe que provocou o paso da dana na Comunidade Valenciana.
Desde o tres cuarteis militares que esta brigada ten en Pontevedra, Siero (Asturias) e Santovenia de Pisuerga (Valladolid), saíron varios convois con persoal e diverso material.
O Ministerio de Defensa informou que participarán neste despregamento efectivos do rexemento de infantaría Isabel a Católica 29, do rexemento de infantaría Príncipe 3 e do rexemento de cabalaría Farnesio 12.
Son dous subgrupos tácticos lixeiros con elementos de coordinación e enlace e elementos de apoio ao despregamento, equipados con vehículos de diferentes características, incluíndo medios de apoio á mobilidade.
Todo este despregamento de persoal e medios supón, destaca a Brilat, un" esforzo loxístico inmenso" que os seus militares asumen e que garante que se poidan realizar as tarefas e operacións sobre o terreo ás que sexan destinadas.
As unidades desta brigada, do mesmo xeito que o resto de unidades do Exército de Terra, van estar apoiando a poboación das zonas afectadas "todo o tempo que se necesite".
Traballarán, sosteñen os responsables deste despregamento, "de maneira ininterrompida, día e noite, achegando todas aquelas capacidades, persoal e recursos materiais que se consideren necesarios".
Estas unidades formarán parte do continxente que, conformado por unidades procedentes de toda a xeografía española, está a traballar actualmente na zona, baixo mando operativo da UME, continuando cos labores de axuda e apoio á poboación civil.
CINCO BOMBEIROS DO CONSORCIO PROVINCIAL
Desde Pontevedra tamén irán ata Valencia cinco bombeiros e dous vehículos do consorcio provincial para colaborar nos labores de rescate de persoas e reparación dos danos causados pola dana.
A través dunha resolución, o propio Luis López, presidente da Deputación, autorizou a mobilización de persoal e medios para prestar a máxima axuda posible ás persoas afectadas.
En concreto, este primeiro continxente posto a disposición pola Deputación de Pontevedra consta de dous xefes de dotación, tres bombeiros, unha bomba urbana pesada e un vehículo de mando.