Ao redor do treito no que o río Gafos adopta o nome de Tomeza, agóchase unha contorna única e descoñecida para moitos pontevedreses.
As Brañas do Tomeza, coñecidas tamén polo nome abreviado de "As Brañas", é un dos ecosistemas máis importantes e singulares da comarca de Pontevedra.
Esta zona húmida, que se estende ao longo de tres hectáreas, alberga unha rica biodiversidade e serve como refuxio para numerosas especies de flora e fauna. Con todo, este paraíso natural enfronta serias ameazas que poñen en perigo a súa preservación.
Os membros do colectivo ecoloxista Vaipolorío destacan que a principal ameaza provén da propia administración.
Nos últimos anos, a Xunta de Galicia considerou a posibilidade de transformar parte deste ecosistema nun parque empresarial, un proxecto que foi posto en suspenso en 2014 tras a presión social e a elaboración de informes técnicos, entre eles o custeado pola asociación pontevedresa, que desaconsellaban a impermeabilización do solo con asfalto.

Non obstante, a preocupación volveu a aflorar cando, recentemente, a administración galega comunicou a posibilidade de reactivación deses plans industriais, a pesar das advertencias de expertos e académicos.
Esta zona húmida é vital para o equilibrio ambiental, xa que alberga especies únicas que dependen deste hábitat para sobrevivir, actúa como sumidoiro de carbono e é fundamental para a preservación da auga doce.
A súa deterioración non só afectaría á flora e fauna locais, senón que tamén tería repercusións para a calidade de vida da poboación que depende destes recursos naturais.
"Non podemos permitir que a riqueza natural se perda en nome do desenvolvemento", subliñan dende Vaipolorío.

Para coñecer máis sobre este valioso espazo natural, visitamos o lugar acompañados por Gonzalo Sancho e Xosé Manuel Feijoo, presidente e secretario de Vaipolorío, cando se fan os 25 anos do activismo da asociación ecoloxista no río Gafos.
Comezamos a ruta na Ponte da Condesa, unha estrutura de máis de cen anos que é un punto de tránsito entre as parroquias pontevedresas de Tomeza e Salcedo, e avanzamos polo sendeiro que discorre á beira esquerda do río.
Tras 600 metros de camiño, atopámonos cun impoñente carballo de máis de 150 anos, que marca a entrada ás Brañas.

Hai uns anos, Vaipolorío comezou as xestións para que fose aprobada a súa inscrición no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, pero diferentes trabas, como a falta dunha tradición cultural como é o caso do Carballo de Santa Margarida ou a pouca disposición do dono do terreo no que se asenta, fixéronno imposible.
Si aceptou o propietario que integrantes do colectivo protexesen este exemplar cun valado para impedir agresións como as que sufriu nas súas raíces polo paso de bicicletas.
O sendeiro que discorre xunto ao Tomeza-Gafos é unha servidume de paso que permite o tránsito público, pero que é de propiedade privada.

Pola beira do río, as árbores predominantes son os salgueiros, ameneiros e loureiros, que, grazas á súa adaptabilidade, son idóneos para as ribeiras. Tamén se observan freixos e, lamentablemente, especies invasoras como a Robinia pseudoacacia ou falsa acacia, que ameazan a flora autóctona.
As árbores autóctonas ventureiras, que nacen e medran sen intervención humana, forman un bosque de ribeira que proporciona sombra, imprescindible para manter a temperatura e osixenación da auga, e son refuxio para a fauna local.

Entre as especies animais que poboan as Brañas, destacan aves como o ánade real ou o ferreiriño real, que puidemos avistar durante o paseo, e diferentes migratorias que visitan a zona húmida durante as épocas de tránsito.
A diversidade de paxaros é notable, con máis de 60 especies catalogadas por Vaipolorío, converténdose en parte integral do ecosistema.

Ao noso paso topámonos coa floración invernal do Narcissus cyclamineus, unha especie endémica do noroeste peninsular e un dos tesouros botánicos que se poden atopar nas Brañas do Tomeza.
A conservación deste raro narciso é vital, non só pola beleza das curiosas formas das súas flores amarelas, senón tamén porque figura no Catálogo Galego de Especies Amenazadas como vulnerable, o que subliña a importancia de preservar os ecosistemas nos que habita.

Un dos riscos que pon en perigo a supervivencia da flora autóctona é a extensión da Tradescantia fluminensis, coñecida popularmente como orella de gato, unha planta invasora de orixe sudamericana que se está expandindo de maneira alarmante nas Brañas. Esta especie destaca polo seu crecemento rápido, formando densas alfombras vexetais que sofocan a flora nativa ao competir por luz e nutrientes.
O río ao seu paso polas Brañas ofrece dous enclaves que amosan a perfecta conviencia entre o home e a natureza. O Mar da Presa é un espazo que, como o seu nome indica, acumula a auga que en tempos pasados alimentaba o Muíño de Cabanas.

Na contorna, as augas traquilas, que non estancadas, da Poza da Moura albergan as follas esparexidas da espiga de auga, que son refuxio perfecto para a posta de ovos de diversas especies, como moitos cabaliños do Demo ou mesmo rás, un raro fenómeno que detectaron os integrantes de Vaipolorío, xa que estes anfibios adoitan pousar os ovos no fondo da auga.
A lenda da Moura, recollida por Calros Solla, está asociada a este lugar. Conta o relato tradicional, transmitido por veciñas de Tomeza, que un labrego que pastoreaba o seu gando ás beiras do río atopou unha fermosa muller, con longos cabelos dourados que brillaban ao sol.
Esta misteriosa figura da mitoloxía galega, a moura, predeciu que unha das súas vacas daría a luz fermosas crías, a cambio de que o gandeiro depositase a becerra na poza. Porén, ao desobedecer o trato e botar o macho en lugar da femia, o labrego viu como as augas se revolvían, e a moura, enfadada, desapareceu nas profundidades do río, prometendo que, de ter cumprido, o tería agasallado cun tesouro de ouro.

Cen metros augas abaixo do Mar da Presa rematan as Brañas. Con todo, o camiñante pode continuar a ruta que en pouco máis de un quilómetro levarao ata a rúa Otero Pedrayo, nas proximidades do Albergue de Peregrinos, ou regresar polos seus pasos 900 metros ata a Ponte Condesa, o punto de partida.
A preservación das Brañas do Tomeza como patrimonio natural e cultural é crucial para garantir a biodiversidade e a identidade da nosa contorna.
En 2019, a declaración do río Gafos como ENIL (Espazo Natural de Interese Local) constituíu un paso significativo na protección deste ecosistema, que agora goza de medidas de conservación específicas, como a prohibición da caza. Pero sobre a súa contorna aínda pesan as ameazas da presión urbanística e o desenvolvemento industrial.