Bota a andar o programa Hefesto, que busca a integración entre cultura urbana e discapacidade

Pontevedra
10 de outubro 2013

O programa Hefesto 2013 ten tres grandes áreas: discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros e discapacidade e o mundo do son. O colofón de todas elas será o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade. Antes hai varias accións deseñadas en distintas datas durante os meses de outubro e novembro

Primeira ación do proxecto Hefesto na Casa Azul
Primeira ación do proxecto Hefesto na Casa Azul / PontevedraViva

A música inaugurou este xoves o programa Hefesto, co que o Concello de Pontevedra deseña unha intervención innovadora e atractiva no eido da discapacidade que pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se misturen o mundo máis urbano e a discapacidade.

A primeira acción 'Discapacidade e o mundo do son en estudo de gravación', comezou este mes de outubro, prolongarase durante todo o mes de novembro na Casazul e terá como resultado a gravación dun vídeo musical nun estudo de Pontevedra. Este xoves visitou a actividade a concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces.

O programa Hefesto 2013 ten tres grandes áreas: discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros e discapacidade e o mundo do son. O colofón de todas elas será o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade. Antes hai varias accións deseñadas en distintas datas.

A segunda acción será 'Discapacidade e cultura moteira'. Arredor de 20 moteiros levarán nas súas motos a un grupo de persoas con discapacidade. Está previsto que se realice o sábado 19 de outubro con saída ás 16.30 horas e chegada ás 17.30 e cun itinerario que sairá do mirador de Monte Porreiro e rematará nunha das prazas emblemáticas da cidade.

A terceira das áreas será 'Discapacidade e cultura bboying/breakdance' e contará cunha master-class sobre a cultura Bboying a cargo da asociación cultural 'Black Box Project' pertencente ao Programa HEDRA da Casazul. A data prevista é o venres 18 de outubro no Pazo da Cultura entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Con estas accións elaborarase un audiovisual que se presentará o martes, 3 de decembro no Teatro Principal ás 20.00 e ao que están convidados asociacións, axentes sociais, participantes no programa, familiares e calqueira outra persoa interesada.

Este programa está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: Amizade, Xuntos-Down Pontevedra, Juan XXIII, Virgen de la O, Alba e Amencer-Aspace.