Bosques Terapéuticos para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente

O Salnés
04 de xuño 2022

A deputada provincial Iria Lamas, xunto á alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asistiron a esta primeira ruta dos baños de bosque deste 2022, que discorreu pola Ruta da Pedra e da Auga en Meis, con la participación de 30 persoas

Participantes en 'Bosques Terapéuticos'
Participantes en 'Bosques Terapéuticos' / Deputación de Pontevedra

Este sábado poñíanse en marcha os'Bosques Terapéuticos', unha iniciativa da Deputación de Pontevedra con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. A docente e activista Miriam Campos era a encargada de dar lectura a un manifesto lembrando que cada pequena acción pode mitigar os efectos do cambio climático e restaurar na medida do posible os ecosistemas que habitamos.

Miriam Campos é a presidenta da asociación Teachers for Future Spaine recentemente recollía o premio 'El Escarabajo Verde' de Televisión Española á mellor iniciativa social ambiental. Tamén asistían a este primeiro roteiro dos Bosques Terapéuticos a deputada provincial Iria Lamas e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez. 

O primeiro percorrido realizábase pola Ruta da Pedra e da Auga no municipio de Meis coa participación de 30 persoas, acompañadas por Sergio Portela. Ata o 25 de setembro realizaranse 38 percorridos con máis de 1.140 prazas para participantes en sete espazos naturais da provincia como as illas de Tambo e Arousa, os Salóns do Lérez, o Río Eifonso en Bembrive (Vigo); a Ponte Colgante do Lérez (en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); e por último, a Senda do Almofrei, en Cerdedo-Cotobade.