Alumnado de quinto e sexto curso de primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas coñeceu nos últimos días o Bosque de Colón de Poio no marco dunha xornada de natureza, historia e convivencia.
Na actividade participaron 60 escolares, acompañados de persoal docente e da técnica de turismo municipal de Poio.
O alumnado desprazouse ata o Monte Castrove para coñecer de primeira man o bosque de sequoias vermellas máis grande de Europa, con 500 exemplares.
A concelleira de Turismo de Poio , Rocío Cochón, destacou que é un lugar ideal para amosarlle á rapazada, xa que foi pensado polos seus creadores como un agasallo "para que o gocen, o coiden e o deixen como legado as xeracións futuras".
Así, tiveron oportunidade de coñecer a historia deste espazo verde, que foi resultado dun agasallo oficial do Goberno dos Estados Unidos ao pobo español en decembro 1992 en conmemoración da primeira viaxe de Colón a América.
As árbores foron plantadas conxuntamente por mozos e mozas de Poio e de distintos lugares dos Estados Unidos, baixo a dirección do profesor estadounidense John Harmon McElroy e coa colaboración de expertos, administracións e institucións de ambos lados do Atlántico.
Todo iso convérteo, ademais de nun exemplo de cooperación internacional, nun excelente recurso educativo.
Rocío Cochón insistiu en que escolares chegados de lugares moi distintos, con idiomas e culturas diferentes, "crearon un tesouro que máis de 30 anos despois representa un dos tesouros máis valiosos de Poio".