Poboación de Sanxenxo protagonizaba este domingo unha concentración diante o Centro de Saúde de Baltar, indignada pola situación que está a sufrir a sanidade pública na Atención Primaria. A convocatoria, realizada polos colectivos Pediatras e matronas xa! e pola Plataforma en defensa da Sanidade Pública presentaba tamén a novidade da doazón, con motivo do Día da Infancia, de bonecos de escolares como mostra de protesta pola falta de pediatra neste centro de saúde.
Ana Belén Fernández Camiña, de SOS Sanidade Pública Sanxenxo e Fany, de Pediatras e matronas xa! encargáronse de ler os manifestos nos que denuncian a falta de persoal; as axendas pechadas dos médicos de familia; a saturación do persoal de enfermería e o problema de falta de recursos humanos nos Puntos de Atención Continuada da contorna.
Lembran que, ante esta situación na Atención Primaria, os pacientes están obrigados a acudir a Urxencias no Hospital Provincial no caso de menores ou en Montecelo, provocando unha saturación nestes dous servizos.
Indicaron, nos seus manifestos, que non aceptan a desculpa de que non hai persoal médico xa que, segundo alegan estes colectivos, se presentan máis persoas que as prazas ofertadas en oposición. Denuncian que o Sergasderive os pacientes á sanidade privada en lugar de investir en persoal do servizo público.
Piden unha reunión co Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para resolver esta situación e esixen un cambio urxente no modelo asistencial.
Todos os bonecos doados serán entregados polas entidades organizadores a asociacións solidarias para doalos a familias con dificultades económicas. O acto finalizou cunha cadea humana arredor do Centro de Saúde.