Os bombeiros pontevedreses, de volta tras axudar en Valencia: "Era unha zona de guerra"

Pontevedra
14 de novembro 2024
Actualizado: 17:00

Bombeiros do parque municipal de Pontevedra e do Consorcio Provincial regresaron a casa tras participar no dispositivo de axuda habilitado en Valencia tras a catástrofe ocasionada pola DANA

Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANA
Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANA / Concello de Pontevedra

Despois de xornadas de intenso traballo, os efectivos pontevedreses de emerxencia desprazados á Comunidade Valenciana para axudar no dispositivo habilitado tras a catástrofe ocasionada pola DANA están de regreso.

Trátase en concreto de dous bombeiros do parque municipal de Pontevedra e de cinco profesionais do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, que xunto a outros cinco representantes do GES de Padrón conformaron un grupo de traballo que actuou "no que é a zona cero, a zona máis afectada, en Catarroja, Massanassa, Paiporta...".

Explícao un dos bombeiros do Consorcio Provincial, Alberto Castro, recoñecendo que aínda que "sabiamos que era un escenario preocupante polo que viamos nas noticias, ao chegar alí démonos conta de que era unha zona totalmente descontrolada, unha zona de guerra, na que a coordinación era moi difícil".

Todos eles puxéronse "a traballar desde o minuto un" con "cousas que practicamente facemos no noso día a día. Fixéronse achiques de auga, de lodos, aperturas de domicilios, medicións de gases, búsquedas... Un pouco de todo".

Foron, iso si, xornadas complicadas xa que "foi tamén facer un pouco de tarefa psicolóxica cara á xente que vive alí. Moitas das familias perderon as súas pertenzas ou perderon unha persoa querida, e por iso tiñamos que estar un pouco arroupando a esa persoa".

Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANA
Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANAConcello de Pontevedra

Quizais ese labor foi o que máis os marcou, e é que aínda que "estamos afeitos a ver moitas cousas traballando nisto. Traballamos en emerxencias moi gordas como na pirotecnia de Tui, no incendio de Brenntag, as inundacións de Vilagarcía... Pero isto desbordou completamente as nosas previsións. O impacto emocional temos que dicir que si, que nos calou", recoñece Alberto Castro.

Bombeiros do Consorcio Provincial que acudiron a Valencia trala DANA
Bombeiros do Consorcio Provincial que acudiron a Valencia tras a DANA PontevedraViva

Agora tras concluír a fase máis urxente do dispositivo de axuda, o centro de mando e coordinación envioulles de volta a Galicia, aínda que queda moito por facer.

De feito, asegura, "necesítase maquinaria un pouco pesada para mover eses mobles que quedaron fóra e desatascar os canos".

Ademais de Alberto Castro desprazáronse a Valencia pertencentes ao Consorcio os bombeiros Alberto González, Alberto Agrelo, Marcos Barros e Rubén Sío, mentres que desde o parque municipal de Pontevedra desprazáronse á Comunidade Valenciana César Lago e Rubén Fraga.

No seu caso foron seis días de traballo nos lugares de Paiporta, Alfafar e Massanassa, nos que participaron en 35 intervencións, entre elas a retirada de coches, portalóns ou cableado danado, a reposición de servizos, achique de garaxes ou a apertura de pasos bloqueados.

Unha das actuacións máis delicadas, segundo eles mesmos explicaron, foi a retirada dun coche que acabou no interior dunha casa e que, ata o de agora, non puidera ser sacado "pola complicación que supoñía e porque falaban sempre de sacrificar parte da casa".

O seu labor, en colaboración con militares do exército español, permitiu retirar o vehículo sen danar máis o inmoble, destacaron á súa chegada a Pontevedra.